A Xunta apoia as demandas do sector e reclama ao Goberno central que asuma os seus compromisos como promotora da dragaxe da ría do Burgo

Desde a Consellería do Mar sinalan que o Goberno galego ven colaborando desde o inicio desta actuación aportando a información precisa para a realización dos cálculos das compensacións económicas aos profesionais afectados

Desde a administración autonómica recordan que a declaración de impacto ambiental do Executivo estatal sinala que o cese de actividade inclúe o período que transcorre desde que finalice a obra ata que os bivalvos acaden un tamaño comercial

Afea que ningún representante da administración Estatal acudise ás reunións solicitadas pola confraría para abordar o final do proxecto así como as sementeiras para facela coas maiores garantías

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2024

A Xunta de Galicia sae ao paso das manifestacións realizadas polo Delegado do Goberno, Pedro Blanco, e reclama ao Goberno central que escoita as demandas do sector e rectifique. Desde a Administración autonómica acúsase ao Executivo estatal de non cumprir os seus compromisos como responsable da dragaxe da ría do Burgo, unha responsabilidade que vai máis aló da finalización dos traballos. Tamén se subliña, fronte as acusacións de Blanco, que desde o Executivo galego sempre se amosou a máxima colaboración nesta actuación aportando a información precisa para a realización dos cálculos das compensacións económicas aos profesionais afectados polo cese de actividade marisqueira a causa destes traballos.

Desde a Consellería do Mar arguméntase que na propia declaración de impacto ambiental do Goberno central sinala que o cese de actividade inclúe o período que transcorre desde que finalice a obra ata que os bivalvos acaden un tamaño comercial. Nesta liña, que resulta incomprensible a negativa de Madrid a seguir sufragando as compensacións económicas ao colectivo de mariscadores como se viña facendo ata o momento, polo que expresan novamente o apoio ás demandas do sector e acúsase ao Estado de incumprir os seus compromisos cos traballadores e de tratar de desviar a atención para non asumir a súa responsabilidade.

Desde a Xunta tamén afean a actitude amosado polos representantes do Executivo estatal ao non acudir ás reunións solicitadas desde o propio sector co obxectivo de abordar a finalización dos traballos así como a futura sementeria para que a mesma se realice coas maiores garantías de éxito. Unha actuación que contrasta coa da Consellería do Mar, cuxos representantes acudiron a todas as citas ás que foron convocados amosando a máxima colaboración coa confraría na procura de solucións que permitan retomar a actividade marisqueira na ría do Burgo nas mellores condicións posibles. 

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 10/04/2024