A Xunta aposta por espazos como as salas Gesell para garantir a privacidade de menores e persoas vulnerables nas probas relacionadas con casos como os de dereito de familia

O director xeral de Xustiza participou na inauguración das ‘VIII Xornadas de dereito de familia’, organizadas polo Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña e o Consello da Avogacía Galega

A Coruña, 12 de abril de 2024

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na apertura das VIII Xornadas de dereito de familia, organizadas polo Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña e o Consello da Avogacía Galega. Durante a súa intervención incidiu no compromiso permanente da Xunta para crear “espazos singulares” e “cidades da xustiza” que, entre outras funcións, contribúan a acoller servizos como os relacionados con esta rama do dereito.

Nesta liña, puxo como exemplo as salas Gesell que o Goberno galego xa implantou en case a totalidade das cidades galegas e nalgunhas subdireccións do Imelga. Trátase de “salas de espera ou entrevistas” especialmente acondicionadas co obxectivo de garantir a protección e privacidade das vítimas -sobre todo nos casos de testemuñas menores de idade ou doutras persoas especialmente vulnerables- durante a práctica de probas ou a toma de declaracións. Ademais, nestes espazos “amables” preténdese xerar un ambiente de confianza que non supoña “unha elevada carga emocional”.

A oitava edición destas xornadas congregará máis dun cento de profesionais da avogacía de toda España para abordar e actualizar os coñecementos sobre asuntos vinculados ao dereito de familia como a denominada Ley Trans, os tributos de sucesións, a liquidación de réximes matrimoniais, a vivenda familiar no concurso, o recurso de casación en materia de familia, a intelixencia artificial aplicada a este ámbito, así como a análise da xurisprudencia máis recente do Tribunal Supremo en temas de familia, discapacidade e filiación.

José Tronchoni salientou a colaboración da Administración autonómica cos distintos operadores xurídicos e a importancia de apoiar o labor dos profesionais da xustiza a prol da axilidade, a eficiencia e o achegamento do labor xudicial á cidadanía.

Data de actualización: 12/04/2024