O presidente da Xunta asiste á clausura da Asemblea Xeral da Confederación de Empresarios de Pontevedra

Rueda destaca o papel dos empresarios á hora de facer avanzar Galicia e convertela nun referente de sectores industriais estratéxicos

Resalta a posta en marcha cunha Oficina de Coordinación Económica para avaliar os grandes proxectos e xestionar os fondos europeos

Salienta a aposta da Xunta por desburocratrizar a Administración concentrando todos os permisos sectoriais nunha soa Consellería para evitar “peregrinaxes administrativas”

Vigo, 15 de abril de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel dos empresarios á hora de facer avanzar Galicia e converter a comunidade nun referente de sectores industriais estratéxicos. “Cada un no seu lugar, pero todos cumprindo coa nosa obriga: os empresarios coa de crear riqueza con espírito crítico, sempre necesario e imprescindible, e as administracións coa de poñer os medios para que iso sexa posible”, indicou.

Durante a clausura da Asemblea Xeral da Confederación de Empresarios de Pontevedra que se celebrou en Vigo, Rueda salientou a aposta da Xunta por atraer novos investimentos á comunidade galega xa que “as empresas son as que xeran riqueza e emprego de calidade” nos territorios.

Nesta liña, o presidente asegurou que o Goberno autonómico seguirá traballando para facilitar o asentamento de novas industrias na comunidade e garantir o equilibro entre a conservación do medio ambiente e o desenvolvemento económico.

Na súa intervención, Rueda fixo fincapé na creación da nova Oficina de Coordinación Económica, un organismo que dependerá directamente da Presidencia da Xunta para “coordinar a todos os departamentos e que todo vaia moito máis rápido”, así como outra oficina “directamente na Consellería competente en materia de economía para axilizar todos os proxectos que poidan ser estratéxicos”.

Así, co ánimo de “desburocratizar” a Administración, o presidente da Xunta salientou a concentración de todos os permisos sectoriais nunha soa Consellería, “unha novidade importante para non ter que estar facendo peregrinaxes administrativas”, indicou.

Ademais, a Xunta seguirá a axilizar o acceso ao solo industrial, os trámites para poñer en marcha un proxecto -non superará os 12 meses no caso de ser unha iniciativa que garanta 25 empregos e un investimento mínimo de 2 millóns de euros-, elaborará os plans directores de sectores industriais estratéxicos (naval, automoción ou TIC, entre outros) e creará un fondo público-privado, dotado inicialmente de 300 millóns de euros, para impulsar iniciativas prometedoras.

Atracción de talento e man de obra

Durante a súa intervención, Rueda tamén fixo referencia á importancia de traballar en conxunto tanto Administración como empresarios para facer fronte ao reto demográfico e “acadar xuntos esa man de obra que nalgúns sectores é tan complicado”. Así, fixo alusión á Estratexia Retorna e á necesaria mellora dos servizos públicos de emprego para que “haxa un axuste entre a xente que busca traballo e as ofertas que hai, así como entre a oferta educativa e as demandas do mercado laboral”.

O titular do Goberno galego aproveitou a ocasión para reivindicar unha vez máis un cambio de execución dos fondos europeos, xa que “seguen, en gran parte, no caixón de saída e aínda estamos a tempo de salvar eses miles de millóns”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/04/2024