José López destaca o firme compromiso coa lingua e cultura de Galicia na súa primeira visita ao Consello da Cultura Galega

O conselleiro mantivo un encontro coa presidenta da institución, Rosario Álvarez, para seguir avanzando, desde a colaboración, nos retos comúns

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, destacou hoxe o firme compromiso da Xunta coa lingua e cultura de Galicia na súa primeira visita institucional ao Consello da Cultura Galega, onde tivo oportunidade de manter un encontro coa súa presidenta, Rosario Álvarez.

López, que asinou o libro de honra da institución da que é membro nato do Plenario, destacou que desde o Goberno galego “hai unha aposta clara por mellorar a relación coa lingua e a cultura en Galicia”, e incidiu na importancia de tender pontes para chegar a puntos de encontro. Resaltou tamén o bo momento da cultura galega, o seu carácter transversal e anunciou que se está “en disposición de afrontar os debates que temos pendentes e, sobre todo, traballar en beneficio deste sector tan importante para Galicia dunha forma directa”.

Pola súa banda, Álvarez lembrou que a institución está a disposición da nova Consellería para seguir traballando conxuntamente nos retos futuros. Así mesmo, valorou que “se abre unha nova etapa e celebramos que se poña o acento na cultura, na lingua e na mocidade, tres ámbitos moi importantes para a sociedade galega”.

Á visita tamén asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o xerente do Consello, Marcelino Fernández.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/04/2024