A Xunta estreita lazos con Ucraína nun encontro co seu embaixador en España, Serhii Pohoreltsev

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes mantivo unha xuntanza co representante diplomático ucraíno, onde lle trasladou o interese de Galicia pola situación do país e a intención de fortalecer as relacións entre ambos os territorios

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantivo hoxe unha xuntanza co embaixador de Ucraína en España, Serhii Pohorelstev, onde lle trasladou o interese da Xunta pola situación do seu país e a intención de estreitar lazos entre os dous territorios. O representante ucraíno acudiu acompañado polo conselleiro comercial da embaixada, Oleksander Gerasymyuk.

Tralo segundo aniversario da invasión rusa contra o territorio e a poboación ucraína, cumprido o pasado 12 de marzo, Diego Calvo interesouse especialmente polo estado da poboación civil e confirmou o apoio da Xunta e o compromiso de Galicia coa reconstrución do país.

A maiores, o conselleiro mostrou o seu interese pola situación actual de Ucraína como país candidato á adhesión na Unión Europea e polo estado das negociacións neste senso.

Por outra banda, Calvo incidiu en que non se pode esperar á fin do conflito para traballar no fortalecemento dos lazos entre Galicia e Ucraína, especialmente en sectores estratéxicos e nas oportunidades de intercambio comercial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2024