A directora xeral Begoña Abeijón visitou esta mañá o centro

A Xunta aumenta un 30 % o financiamento de prazas na residencia para persoas con discapacidade de Baños de Molgas, superando os 2 M€

O Goberno galego oferta ás familias 59 prazas públicas nesta residencia

Baños de Molgas (Ourense), 18 de abril de 2024

A Xunta de Galicia incrementou un 30 % a achega que realiza ao financiamento de 59 prazas públicas na residencia para a atención a persoas con discapacidade de Baños de Molgas, superando na actualidade os dous millóns de euros a través do concerto social. A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou hoxe este centro da Fundación San Rosendo con capacidade para 90 usuarios.

Ademais deste investimento en mellorar a oferta de prazas públicas para as familias da zona, Begoña Abeijón apuntou que a Xunta mantén outras liñas de colaboración coa residencia. Así, o ano pasado subvencionou con 87.000 euros a adquisición de dos vehículos para os desprazamentos dos residentes e un programa para a implantación no centro do modelo de Atención Integral Centrado na Persoa (AICP). Esta última achega concedeuse a través da orde de axudas do 0,7 % do IRPF

A directora xeral destacou que o Executivo autonómico seguirá ampliando a rede pública de servizos para a atención á discapacidade, tanto a través de concertos sociais coas principais entidades que traballan neste ámbito como de distintas liñas de axuda para a mellora de instalacións ou o desenvolvemento de programas, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/04/2024