José López inaugura a Feira do Libro de Ferrol, a primeira dun circuíto que vai chegar a 13 cidades e vilas de Galicia

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude salientou a “prioridade especial” que o Goberno galego lles dá ao libro e á lectura, que erixe como “vía de expansión” da identidade e da cultura

Pon en valor que estas citas serven para estar máis preto dos escritores e escritoras, e especialmente este ano da autora á quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, Luísa Villalta

Ferrol, 19 de abril de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou este mediodía a Feira do Libro de Ferrol, a primeira das citas deste ano nun circuíto que vai chegar a 13 cidades e vilas das catro provincias de Galicia.

“Esta vila merece un evento cultural coma este”, aseverou o conselleiro, quen animou a toda veciñanza de Ferrol a participar desde hoxe e ata o 21 de abril nesta feira, onde avanzou que se poderá descubrir a oferta editorial que traerán libreiros e libreiras deste e doutros concellos, así como a participar nas máis de 30 actividades que se desenvolverán ao seu abeiro.

José López salientou a enorme satisfacción que lle supón que un dos primeiros actos como conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude sexa abrir estas citas coa lectura por toda a comunidade. Precisamente, fixo fincapé en que a Xunta lles dá unha “prioridade especial” ao libro e á lectura, “e queremos unha sociedade que encontre respostas nos distintos formatos nos que se nos presentan hoxe”, afondou.

Expansión para a identidade a para a cultura

O titular de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor que o libro serve de “vía de expansión” para a nosa identidade e para a nosa cultura. “Probablemente sexa o primeiro referente do que somos, do que creamos, do que pensamos e do que sentimos”, remarcou.

A Feira do Libro de Ferrol comeza en datas próximas á celebración do Día Internacional do Libro (23 de abril). Neste senso, o conselleiro apuntou o feito de que se trata dunha “festa da lectura, do libro e da palabra” que anima a descubrir “facianas inacabables do pracer lector”, ademais de que serve para estar un “pouco máis preto” dos escritores e escritoras. E, en concreto, indicou a oportunidade que supón para achegarse ou afondar na obra da creadora a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, Luísa Villalta.

Finalmente, o conselleiro rematou a súa intervención cun recoñecemento especial para a pregoeira da Feira do Libro de Ferrol, a escritora Paula Merlán.

13 vilas e cidades en abril, maio, xullo e agosto

Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras a urbe departamental, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 27 abril ao 5 de maio; O Porriño, do 9 ao 12 de maio: e Lugo, do 13 ao 17 de maio.

Tamén haberá Feira do Libro na provincia de Ourense, do 5 ao 8 de xuño; en Redondela, do 13 ao 16 de xuño; Vigo, do 1 ao 7 de xullo; Ponteareas, do 11 ao 14 de xullo; e Rianxo, do 14 ao 27 dese mesmo mes. En agosto, a Feira do libro estará tamén na Coruña, do 1 ao 10; Viveiro, do 12 ao 15; en Foz, do 16 ao 19; e en Monforte de Lemos, do 21 ao 24.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2024