A Xunta reafirma o compromiso coa loita contra o narcotráfico a través do Servizo de Xestión de Bens Incautados neste tipo de delitos

Este servizo permite axilizar a actividade das unidades xudiciais encargadas destes asuntos, reducir os custos do depósito e xestión dos activos comisados e fomentar o uso social dos bens incautados

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2024

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, mantivo hoxe un encontro co decano do Ilustre do Colexio de Procuradores da Coruña, Javier Sánchez, e o xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico (FGN), Fernando Alonso, para continuar co compromiso da Xunta no apoio á entidade a través dos convenios para o funcionamento do Servizo de Xestión de Bens Intervidos ao Narcotráfico ou para o desenvolvemento de actividades formativas e divulgativas.

No encontro abordouse, entre outros temas, a colaboración que se mantén desde 2015 para mellorar a xestión dos bens incautados en delitos de narcotráfico en Galicia. Deste xeito, as tres partes comprometéronse a manter a prestación deste servizo conxunto para axilizar a actividade das unidades xudiciais que se encargan destes asuntos no que se refire ás execucións e así maximizar o rendemento económico ao reducirse os custos de depósito e xestión dos activos comisados. Ao mesmo tempo, foméntase o retorno social dos bens incautados a través de accións antidroga mediante a adxudicación ou cesión de bens non vendidos a entidades sociais. A colaboración tamén inclúe a divulgación das vantaxes deste servizo nos órganos xudiciais.

O servizo de xestión de bens comisados é coordinado pola Fundación Galega contra o Narcotráfico en colaboración co Ilustre Colexio de Procuradores da Coruña, en cuxas dependencias se depositan os bens mentres se realizan as xestións para a poxa autorizada pola autoridade xudicial. A colaboración da fundación coas autoridades xudiciais abarca desde a incautación ata a o remate do proceso de prestación do servizo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2024