Fabiola García lamenta que a prórroga dos orzamentos xerais do estado deixe a Galicia sen 50 M€ en materia de dependencia

Sinala que o Goberno central segue sen cumprir coa Lei de Dependencia que lle obriga a cofinanciar o 50% da atención

Destaca que Galicia superou este ano a cifra dos 73.900 dependentes atendidos

A posta en marcha de medidas universais como o Bono Coidado no Fogar permitiu que se axilizase o acceso a axudas e se incrementase o número de atendidos

Desde o mes de xaneiro, 18.000 galegos que están sendo atendidos nas súas casas benefícianse dun apoio económico de 5.000 euros ao ano, independentemente do seu grao ou situación económica

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, lamentou que a prórroga dos Orzamentos Xerais do Estado deixe a Galicia sen 50 millóns de euros en materia de dependencia o vindeiro ano. Fíxoo durante unha interpelación no Parlamento de Galicia na que sinalou que o Goberno central segue sen cumprir coa Lei de Dependencia que lle obriga a cofinanciar o 50% da atención.

A conselleira puntualizou que nestes momentos o Goberno galego segue a asumir o 70% do gasto total e sinalou que se continúa a apostar por crear axudas pioneiras e únicas en toda España. Neste sentido, afirmou que Galicia superou este ano a cifra dos 73.900 depedentes atendidos gracias a posta en marcha de medidas como o Bono Coidado no Fogar, que ofrece axudas universais a todas as persoas que están sendo coidadas nas súas casas, independentemente do grao de dependencia ou situación económica.

A este respecto, Fabiola García recalcou que desde o mes de xaneiro 18.000 galegos con dependencia que están sendo atendidos nos seus fogares están a beneficiarse desta prestación. Unha axuda á que o Goberno galego destina un orzamento de 100 millóns de euros neste ano 2024 e que é única en España, ningunha outra comunidade impulsa unha axuda deste tipo para todos os graos ou situación económica.

A conselleira apuntou que, deste xeito, tamén se alivian moitos trámites burocráticos de persoas con dependencia que solicitan unha revisión do seu grao por agravamento da súa situación. Co Bono Coidado no Fogar todas as persoas recibirán o 100% da prestación de xeito que non será necesario que se actualice o seu estado cada certo tempo. Así mesmo, resaltou que a Xunta seguirá apostando por renovar o sistema de atención para que sexa máis accesible, áxil e atenda ás preferencias das persoas con dependencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2024