O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participou hoxe en Tui na presentación do programa completo do evento

O Play-Doc celebra a súa 20ª edición co apoio da Xunta de Galicia a través das axudas a festivais audiovisuais

O evento, de carácter internacional e especializado no xénero documental, recibe 50.000 euros como adxudicatario das subvencións que convoca a Axencia Galega das Industrias Culturais

A carteleira do certame esténdese do 1 ao 5 de maio con 13 filmes na sección competitiva galega

Entre as novidades deste ano destaca un apartado dedicado ao cinema histórico de cineastas galegos con fondos da Filmoteca de Galicia

Tui (Pontevedra), 25 de abril de 2024

O Play-Doc celebra os seus 20 anos en Tui cunha programación internacional e galega que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais que este ano lle outorga unha contía de 50.000 euros para a celebración das súas proxeccións e distintas citas arredor do xénero documental.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude distribúe este ano unha dotación de 300.000 euros entre 10 certames, o que supón un incremento do 33% respecto da convocatoria de 2023. Así o lembrou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen acudiu esta mañá á presentación da carteleira desta vixésima edición do certame que despregará durante cinco días unha programación con seccións cinematográficas competitivas, espectáculos musicais, actividades formativas e propostas para todos os públicos. Sutil felicitou o equipo do certame, dirixido por Ángel Sánchez e Sara García, por estas dúas décadas nas que o Play-Doc se consolidou como un referente dentro e fóra de Galicia. Tamén polo compromiso co cinema como espazo de encontro e expresión, e polo elevado nivel artístico de cada programación.

O festival tudense caracterízase pola súa especialización na non ficción e por ser modelo na difusión neste xénero ao pousar a ollada nun cinema que experimenta e explora os diferentes xeitos de abordar a realidade na pantalla. As tendencias do documental en todo o mundo teñen o seu reflexo no festival a través de retrospectivas, homenaxes e unha competición internacional á que aspiran ingresar centos de obras cada ano. A coidada selección fílmica inclúe cada ano estreas en España e absolutas.

Filmes galegos a concurso

Todo isto sen deixar de promover e impulsar cada ano o audiovisual producido no país, representado na sección Competición Galicia, que nesta vixésima edición presenta 13 filmes a concurso: 12 de maio de 1937, de Mar Caldas, Aurora, de Area Erina, Corre o vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera, Lavadoiro, de Anna Amado e Lois Patiño, Non te vexo e Platónico, platónica, de Xacio Baño, O auto das ánimas, de Pablo Lago Dantas, Os espazos en branco, de Bruno Arias, Pechar caixas abrir caixas, de Hugo Amoedo, Queimar cando morra, de Inés Pintor, Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca Martín, Segunda II, de Anita Pico, e Viaxar aos teus recordos é buscar pelexa, de Daniel Pérez Silva.

Ademais, o apoio do Play-Doc á creación galega plásmase na súa condición de punto de encontro do sector e na apertura de espazos de presentación de proxectos audiovisuais en desenvolvemento. Durante os días do festival, o público ten a oportunidade de coñecer traballos documentais que están en preparación, a través de conversas coas persoas responsables de cada proxecto.

Nova sección Sombras

A principal novidade do Play-Doc deste ano é o nacemento da sección Sombras, con fondos dixitalizados pola Filmoteca de Galicia e dedicada a recuperar películas galegas ou de cineastas galegos cuxa obra ten sido pouco difundida. O guionista e produtor Pepe Coira é o encargado deste novo apartado, que se estreará coa figura de Tony Román, director de películas emblemáticas nos anos 40 e que na súa primeira etapa cultivou un estilo vangardista e experimental, con influencias de mestres como Eisenstein, Ruttmann e Flaherty.

A súa obra presentarase nunha dobre sesión, conducidas e comentadas polo propio Coira. A primeira incluirá os filmes Ciudad encantada (1936) e O carro e o home (1940); en tanto que na segunda proxectarase Canto de emigración (1935), nun pase que contará coa interpretación musical en vivo a cargo da Orquestra Clásica de Vigo.

O 20ª Play-Doc celébrase do 1 ao 5 de maio en diferentes espazos de Tui como o Teatro Municipal e o Seminario Menor. O espectáculo inaugural virá da man do músico tudense Víctor Coyote xunto a Javi Álvarez cunha proposta de música ao vivo ao redor da película El crack de José Luis Garci. Entre os destaques de programación desta edición especial figuran a primeira retrospectiva europea do brasileiro Leon Hirszman, o programa dedicado a Willian Friedkin, director da lendaria El exorcista, e a proposta Cinema Percorridos, que convida ao público a gozar de performances audiovisuais nocturnas na zona monumental de Tui.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/04/2024