A Cidade da Cultura reúne representantes dunha vintena de linguas minoritarias para traballar na promoción da diversidade lingüística en Europa

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa na apertura da asemblea xeral da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), que se desenvolve no Gaiás durante todo o día e rematará cunha visita ao Concello de Santiago

Destaca que Compostela é “unha cidade símbolo como moi poucas do carácter multilingüe de todas as sociedades humanas”

A xornada continuará mañá no Gaiás coa conferencia anual da NPLD, que nesta edición tratará o impacto das tecnoloxías da linguaxe, e porá o broche de ouro cunha visita cultural por Padrón e Cambados

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2024

A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na Unión Europea. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, actúa como anfitrioa nos eventos deste 2024.

Na apertura oficial da asemblea participou esta mañá o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que animou os preto de 70 participantes de toda Europa congregados no Gaiás a percorrer as rúas de Santiago, “unha cidade que é símbolo como moi poucas do carácter multilingüe de todas as sociedades humanas”.

Na xornada, que se estenderá ata a tarde,trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes, pero tamén se poñerán sobre a mesa novas propostas e medidas para continuar no camiño da promoción da diversidade lingüística en Europa.

Para rematar o día, as persoas asistentes trasladaranse ata o centro da cidade, onde poderán desfrutar dun roteiro polos lugares máis emblemáticos desta que concluirá cunha visita ao Concello de Santiago.

As tecnoloxías da linguaxe nos ámbitos social e económico

Xa mañá terá lugar a conferencia anual da NPLD titulada “O Impacto das tecnoloxías da linguaxe nos ámbitos social e económico”. O relatorio principal versará sobre o Proxecto Nós, que impulsa a Xunta de Galicia e executa tecnicamente a Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de introducir de pleno a lingua galega no mundo da Intelixencia Artificial. A exposición estará a cargo de Senén Barro e Elisa Fernández Rei, director e directora do CiTIUS e do Instituto da Lingua Galega (ILG), respectivamente.

O broche de ouro a estes dous días de convivencia porao unha visita cultural por Padrón, que inclúe as Fundacións Camilo José Cela e Rosalía de Castro, e Cambados.

Promoción da diversidade lingüística

A NPLD é unha organización de ámbito europeo que nace no 2008 para impulsar a cooperación e o intercambio mutuo de experiencias entre os seus socios, favorecer a promoción da diversidade lingüística na Unión Europea e servir de grupo de presión en materia de política lingüística nas institucións europeas.

Na actualidade está composta por 39 membros entre os que se inclúen institucións académicas, organismos gobernamentais e colectivos sociais dedicados á promoción social, o estudo e o ensino de linguas minoritarias de Europa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/04/2024