Belén do Campo destaca que o irmandamento entre as asociacións do Centro Asturiano e o Día de Galicia en Asturias acrecentarán os vínculos entre ambas entidades

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, participou no irmandamento entre ambas entidades que tivo lugar no Sporting Club Casino da Coruña

A Coruña, 27 de abril de 2024

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo,  participou no acto de irmandamento entre o Centro Asturiano da Coruña e a asociación Día de Galicia en Asturias. Na súa intervención destacou que “grazas a estas dúas entidades, que hoxe se unen, puxéronse en marcha estratexias comúns, que resultaron moi beneficiosas para as dúas rexións”.

A representante do Goberno autonómico animou á asociación Día de Galicia en Asturias a seguir sendo unha das mellores embaixadoras de Galicia en Asturias e a manter esa transmisión dos aspectos que teñen en común e unen a ambas as comunidades.

Ademais, puxo en valor o labor do Centro Asturiano da Coruña para promocionar e divulgar a cultura e a gastronomía asturiana e o bo facer das súas empresas con actos que reforzan aínda máis os lazos que unen ambas rexións.

A delegada rematou a súa intervención destacando que “a proximidade que sempre existiu entre galegos e asturianos consolidouse como un sentimento de cooperación e entendemento recíproco que debemos seguir mantendo e transmitindo aos nosos descendentes”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2024