A directora do Intecmar participa nunha auditoría da Unión Europea para avaliar o sistema de control na produción de moluscos bivalvos en Nova Zelandia

Con esta, van xa 25 ocasións nas que expertos do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño teñen participado en auditorías deste tipo en diferentes países, atendendo á invitación da Dirección Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria europea

O próximo día 1 de maio entrará en vigor o acordo de libre comercio entre este país das antípodas e a UE que ratificou a Comisión Europea a finais de 2023

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2024

A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, participará a próxima semana na auditoría prevista para avaliar os sistemas de control na produción de moluscos bivalvos que Nova Zelandia destina á exportación cara a Unión Europea. Esta participación como experta faise en resposta á invitación da Dirección Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria (DG Sante) da Comisión Europea, organismo responsable de realizar auditorías, inspeccións e outras actividades relacionadas tanto en países da UE como de fóra dos seus Estados membros. 

O Intecmar, que realiza cada ano máis de 80.000 análises para garantir a calidade e salubridade dos produtos do mar galego, participa dada a súa experiencia neste ámbito en distintos procedementos deste tipo, sumando tanto a propia Salgado como outros profesionais do instituto galego ata 25 participacións en diferentes procesos de auditoría da DG Sante da Comisión Europea como a que se levará a cabo en Nova Zelandia xunto co Ministerio de Industrias Primarias neozenlandés.

A DG Sante realiza estas actividades para garantir que a lexislación dá UE sobre seguridade de alimentos e pensos, saúde e benestar animal e sanidade vexetal se cumpran de forma axeitada ou equivalente, co fin de que os cidadáns europeos podan estar seguros dos alimentos que levan á mesa e das condicións en que se comercializan.   

Na actualidade as relacións comerciais de Nova Zelandia e a UE están a experimentar un forte pulo que se prevé irá a mais cando o próximo 1 de maio entre en vigor o acordo de libre comercio entre este país das antípodas e a UE que ratificou a Comisión Europea a finais de 2023.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 28/04/2024