A Xunta de Galicia e Feiraco lanzan a XII edición do Certame de Microrrelatos para conmemorar as letras galegas entre a toda a sociedade

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participa na presentación desta iniciativa que homenaxea a figura de Luísa Villalta e promove a lectura en galego

Establece dúas categorías de participación: a xuvenil -de 12 a 18 anos- e a de adultos, que se inclúe como novidade este ano

As persoas participantes poderán enviar os seus orixinais en galego ata o 18 de maio

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2024

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e a empresa galega láctea Feiraco, integrada na Cooperativa Rural Galega CLUN, botan a andar a XII edición do Certame de Microrrelatos para celebrar o Día das Letras Galegas entre toda a sociedade incentivando o pensamento creativo e a lectura en lingua galega.

No acto de presentación, que tivo lugar esta mañá na libraría compostelá Follas Novas, participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen salientou a novidade desta edición, que inclúe, por primeira vez, a participación do público adulto “pero sen deixar de lado a mocidade, na cal radica o futuro da nosa lingua e a que alentamos sempre a soñar, crear e imaxinar na lingua propia igual que no seu día fixo Luísa Villalta”.

Canda o representante autonómico tamén participaron o director xeral de CLUN, Juan Gallástegui; a directora do departamento de Márketing e Comunicación de CLUN, Jessica Rey; o fundador da libraría Follas Novas, Rafael Silva, e a comunicadora Esther Estévez, e madriña desta iniciativa.

Certame aberto á sociedade

Esta nova edición establece dúas modalidades de participación, unha para alumnado de secundaria (a partir de 12 anos) e outra para adultos (de 18 anos en diante).

Na categoría xuvenil, o profesorado responsable dos centros educativos deberá seleccionar o mellor relato de cada curso e presentalo en formato pdf, xunto co formulario que aparece na web: http://leiteratura.feiraco.es/

O prazo de recepción dos traballos en ambas as dúas modalidades estará aberto ata o 18 de maio.

Os textos, que versarán sobre unha temática libre, serán orixinais, estarán escritos en galego e non poderán superar as 500 palabras. Ademais, deberán cumprir o requisito de comezar pola frase “Púxenme a escoitar”, seleccionado dun texto de Villalta.

As bases completas para participar poden consultarse no Portal da Lingua Galega.

Os premios

O xurado do concurso, integrado por persoal da Secretaría Xeral da Lingua e da empresa láctea, valorará a orixinalidade, a creatividade, así como o coidado na redacción e o uso correcto da lingua galega.

Tanto nunha coma noutra categoría establécense tres premios. A persoa a quen se lle conceda o primeiro premio recibirá un lote de produtos Feiraco, un ano de libros en galego e o regalo da vaca suxeitalibros; a galardoada co segundo levará un lote de produtos Feiraco e un ano de libros en galego, e quen gañe o terceiro será agasallado cun lote de produtos Feiraco e unha selección de libros de Luísa Villalta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2024