A Xunta destaca a importancia da formación entre o persoal das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias fronte aos riscos psicosociais do seu labor

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na clausura da III Xornada de Saúde Mental Policial SAUDEPOL, organizada polo Sindicato Unificado de Policía (SUP) e a Asociación Unificada da Garda Civil (AUGC) co apoio do Parlamento de Galicia

Ourense, 30 de abril de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou hoxe na clausura da III Xornada de Saúde Mental Policial SAUDEPOL, onde destacou a importancia da sensibilización entre o persoal das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencia fronte aos riscos psicosociais do seu labor.

 

Nesta liña referiuse á necesidade de impulsar accións formativas e divulgativas para afondar no apoio psicolóxico e no manexo do estrés, como a organizada hoxe polo Sindicato Unificado de Policía (SUP) e a Asociación Unificada da Garda Civil (AUGC) co apoio do Parlamento de Galicia.

 

O director xeral incidiu na necesidade de dotar de recursos estes profesionais que no seu día a día se enfrontan a situacións cunha elevada carga emocional, como as intervencións en catástrofes e emerxencias. Santiago Villanueva sinalou que as administracións deben colaborar nesta formación e así o está a facer a Academia Galega de Seguridade Pública con cursos específicos sobre a materia. 

 

A clausura de SAUDEPOL estivo a cargo do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices. Dirixida a membros das forzas e corpos de seguridade, así como a persoal de emerxencias, contou coa asistencia de 140 profesionais que puideron seguir o contido de xeito presencial e en liña. O programa incluíu intervencións de diversos expertos para abordar a prevención do suicidio na rede de saúde mental, a comunicación de malas noticias e a prevención de riscos laborais na Policía Nacional e desde as asociacións e os sindicatos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2024