O titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asistiu hoxe á presentación do libro 25 anos. 25 pezas do mes

López Campos salienta a comunicación permanente do Museo Arqueolóxico de Ourense coa cidadanía a través da iniciativa ‘peza do mes’

O conselleiro asegurou que estará vixiante de que o Goberno central cumpra canto antes co compromiso de apertura do Mapou na súa sede histórica no Pazo Episcopal, por tratarse dun “espazo imprescindible” para Ourense e para Galicia

Ourense, 3 de maio de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou hoxe a “comunicación permanente” que ten establecido coa cidadanía o Museo Arqueolóxico de Ourense (Mapou), a través da iniciativa A peza do mes, unha acción que se puxo en marcha en 1999 para dar a coñecer o valor histórico, artístico e material de pezas que, na maior parte dos casos, non chegaban máis alá do coñecemento de especialistas e investigadores.

Así o salientou no acto de presentación do libro 25 anos. 25 pezas do mes. Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, no cal estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Prado, e do director do Mapou, Xulio Rodríguez.

O conselleiro explicou a importancia desta iniciativa, sobre todo cando en 2002 o museo pechou a súa sede histórica no edificio do Pazo Episcopal, na praza Maior,  para que comezasen unhas obras, aínda inacabadas, por parte do Ministerio de Cultura. “A peza do mes foi ao longo destes anos unha comunicación permanente do museo coa cidadanía nun período en que esa relación, que un museo sempre realiza a través do seu espazo físico, non se podía producir”, valorou.

López Campos lembrou que os fondos e coleccións do Mapou son amplísimas “e estas 250 pezas son só unha mostra delas”, precisou. Ao respecto apuntou que exemplifican a tipoloxía de fondos que calquera persoa pode atopar nun museo arqueolóxico. Ademais, considerou que se trata “dunha excelente maneira” de achegarse á diversa orixe das pezas que se albergan nunha colección museística: atopadas en escavacións, adquiridas polo museo debido á súa singularidade e ao interese, ou doadas por persoas ou entidades.

Proxecto colectivo e participativo

Por estes motivos, quixo agradecer a colaboración e participación dos profesionais do museo, e tamén de moitas persoas especialistas que colaboraron ao longo destes 25 anos “para facer deste proxecto un esforzo colectivo e participativo”. 

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que as tres últimas pezas que se recollen nesta publicación están relacionadas co Plan museolóxico do museo, concretamente co seu plan museográfico que, segundo avanzou, será a guía para o programa de exposición permanente na sede do Pazo Episcopal, unha vez rematadas as obras de rehabilitación. 

Apertura do Mapou na sede histórica

Neste senso, asegurou que estará vixiante, como conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, dos compromisos do Goberno central para a apertura canto antes do Mapou na súa sede histórica,  xa que se se trata “dun espazo que é imprescindible para Ourense e para Galicia.”

Finalmente, o conselleiro tivo palabras de agradecemento, cariño e admiración cara a Xulio Rodríguez, polo traballo desenvolvido ao longo destes anos á fronte do Mapou, xa que a presentación desta publicación foi o último acto como director do museo. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2024