A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe esta actuación

A Xunta concluirá este verán as obras de mellora da rede de abastecemento municipal da Laracha

Ángeles Vázquez lembra que o obxectivo é solucionar a falta de presión nalgunhas zonas e de capacidade de almacenamento, de cara a facer fronte á demanda de auga na época estival e a dar servizo ao parque empresarial

Incide no compromiso do Goberno galego por consolidar a posición da Comunidade na vangarda da xestión da auga neste contexto de cambio climático

A Laracha (A Coruña), 3 de maio de 2024

A Xunta de Galicia prevé concluír este verán as obras de mellora da rede de abastecemento municipal do Concello da Laracha, tal e como avanzou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.

Durante unha visita a esta actuación, na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, a conselleira lembrou que o obxectivo é mellorar o abastecemento do concello, solucionando a falta de presión nalgunhas zonas e de capacidade de almacenamento, de cara a facer fronte á demanda de auga na época estival e a dar servizo no futuro ao parque empresarial.

Deste xeito, esta primeira fase de actuacións inclúe a construción dun novo depósito de auga potable con capacidade para 2.300 m3, que permitirá o almacenamento de auga para unhas 24 horas de consumo. A maiores, executaranse un novo bombeo entre a estación de tratamento de auga potable de Gabenlle e ese novo depósito, así como dúas novas redes de condución -unha por impulsión entre a ETAP e esa nova instalación, e outra por gravidade entre ese punto e a infraestrutura xa existente-.

Esta actuación supón un investimento de 1,85 millóns de euros, cofinanciado pola Xunta, a través de Augas de Galicia, e o Concello da Laracha. Ademais, tamén conta con financiamento dos fondos REACT-UE do Programa operativo Feder Galicia.

Ángeles Vázquez incidiu no compromiso da Xunta por consolidar a posición de Galicia na vangarda da xestión da auga neste contexto de cambio climático. Nesa liña, reiterou como elemento fundamental a colaboración cos concellos para levar a cabo actuacións como a que se está executando na Laracha. Neste senso, cómpre lembrar que o Goberno galego ten previsto mobilizar 23 millóns de euros este ano 2024 na mellora dos sistemas de abastecemento municipais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2024