A Xunta abre consulta previa para unha nova Lei de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital

Procúrase posicionar a CRTVG para afrontar os retos aos que se enfrontan os medios públicos ante a realidade dunha audiencia fragmentada e unha competencia cada vez maior

Servirá para adaptar a lexislación galega ás modificacións normativas nacionais e comunitarias

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2024

A Xunta publica hoxe na súa web a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos.

As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal para axustalo a esta normativa e ás novas demandas dos consumidores no ámbito audiovisual, que mudaron moito nos últimos tempos.

Con esta nova Lei procurarase adecuar a oferta da Corporación Radio e Televisión de Galicia á diversificación dos formatos audiovisuais, nun contexto cunha audiencia fragmentada e globalizada pola que compiten non só os prestadores tradicionais do servizo de comunicación audiovisual, senón tamén prestadores globais. Tamén se busca reforzar a misión e valores do servizo público que presta a CRTVG, entre eles o reto de posicionar axeitadamente a lingua galega no contexto dos novos formatos dixitais de información e entretemento.

En definitiva, a nova Lei de comunicación audiovisual buscará adecuar a lexislación galega ás últimas modificacións normativas a nivel español e comunitario e posicionar a CRTVG para afrontar os retos aos que deben enfrontarse os medios públicos nun marco de competitividade de medios e servizos audiovisuais.

Data de actualización: 03/05/2024