A Xunta destina 204.000 euros a seis proxectos de accesibilidade e mellora dos recursos turísticos do Vicedo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que se financian a través das    axudas para o embelecemento do litoral e o introdución de medidas sustentables, dixitais ou inclusivas

O Vicedo (Lugo), 8 de maio de 2024

A Xunta de Galicia inviste 204.000 euros en seis proxectos que desenvolve o Concello do Vicedo ao abeiro das dúas convocatorias realizadas nos últimos meses do programa de axudas para o embelecemento do litoral e o impulso do seu uso turístico.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado das tres iniciativas xa rematadas, que melloraron as dotacións de centros municipais e espazos públicos.

Así, actuouse sobre a accesibilidade da praia de Xilloi, con sinalética en braille, pasarelas, eliminación de barreiras arquitectónicas, pitado de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida ou mesmo a dotación dunha cadeira “anfibia”.

Igualmente, instaláronse paneis interpretativos no sendeiro da costa co fin de difundir a biodiversidade dese espazo natural que comeza no porto e remata na praia de San Román, unindo diversos atractivos turísticos como pobos, especies vexetais e animais e paisaxes.

Tamén se incorporaron pantallas interactivas na Casa da Cultura, a Oficina de Turismo e o Concello, que ofrecen información turística e de servizo de maneira áxil e eficaz.

Ademais, o Concello vai instalar varandas de seguridade no recorrido completo do paseo marítimo das praias de Vidreiro e Caolín e do porto; tamén colocará paneis interpretativos en diferentes puntos dos sendeiro verdes, con información concreta sobre a zona, e un tótem interactivo no exterior da Casa Consistorial.

Sostibilidade

Javier Arias destacou que as intervencións fomentan o desenvolvemento turístico sostible e accesible e melloran a experiencia dos visitantes grazas ás ferramentas tecnolóxicas, en consonancia cos obxectivos desta liña de apoios de Turismo de Galicia.

Neste sentido, o delegado territorial lembrou que as achegas pretenden acondicionar os recursos e introducir medidas sustentables, dixitais, accesibles ou inclusivas, financiando propostas como a instalación ou reforma de casetas de información, postos de socorro e aseos, acondicionamento de sendeiros, creación de app turísticas ou instalación de elementos interactivos, entre outras.

No conxunto da Mariña, o investimento ascendeu a 758.000 euros para a execución de 24 proxectos, dos que 14 corresponden á última resolución publicada o pasado mes de abril.

Esta é unha das actuacións incluídas no Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral posto en marcha polo Goberno galego con fondos Next Generation, que conta cun orzamento global de 29,3M€. Enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para aproveitar o financiamento europeo no camiño á transformación dixital e o incremento da competitividade dos destinos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2024