O conselleiro do Mar inaugurou as XXXI Xornadas Técnicas de Expomar 2024

Villares defende a revisión da política pesqueira común como prioridade na axenda europea co fin de garantir o futuro do sector

O titular de Mar fixo un chamamento “á reflexión conxunta”, pois a convocatoria de eleccións europeas “tenos que levar a repensar Europa desde unha Galicia unida”

Considera que se abre un escenario para atender a demandas de todas as concas marítimas e comezar un debate político que conduza a unha nova PPC, na que se reequilibren os seus alicerces sociais, económicos e ambientais

Trátase de evitar decisións que impiden a supervivencia de parte da frota como o Regulamento de Execución, recorrido ante o Tribunal Superior de Xustiza da UE pola OPP-7 de Burela e no que o Goberno galego participa como coadxuvante

Burela, 8 de maio de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, avoga por conseguir que a revisión da Política Pesqueira Común se converta nunha prioridade na axenda europea co fin de garantir o futuro e a sostibilidade social, económica e ambiental da actividade pesqueira. Así o trasladou o responsable autonómico durante a inauguración das XXXI Xornadas Técnicas de Expomar, que coinciden co XXV Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, e que dende hoxe ata mañá reúnen en Burela ás entidades máis representativas do sector a nivel nacional.

Durante a súa intervención, Villares fixo un chamamento “á reflexión conxunta”, pois a convocatoria das eleccións europeas, “tenos que levar a demandar aos novos representantes dos Estados membros unha Europa pesqueira máis forte”. “A pesca ten futuro e estas xornadas axúdannos a dar luz e deben servir para adoptar as mellores decisións”, dixo. “A clave está en repensar Europa desde unha Galicia unida” engadiu.

Neste contexto, destacou que, co proceso electoral, se abre a oportunidade e a responsabilidade de atender as demandas de todas as súas concas marítimas e comezar un debate político transparente que debería conducir a unha nova PPC, na que se reequilibren os seus alicerces sociais, económicos e ambientais. O contrario, explicou, “seguirá a supoñer un perigo para a supervivencia de parte da nosa frota pesqueira”.  Como exemplo citou a pesca de fondo: “unha decisión arbitraria e sen estudos por parte de Bruxelas”.

Apoio ao sector

A este respecto, destacou que Galicia foi clara e crítica desde antes da entrada en vigor do Regulamento de Execución a finais de 2022, xa que esta decisión leva ano e medio afectando de forma indiscriminada ao arrastre e ao palangre de fondo; feito que provocou que fose recorrida ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea pola OPP-7 de Burela, cun recurso amparado pola Xunta de Galicia como parte coadxuvante, e que cifrou o impacto para a frota afectada en preto de 350 millóns de euros e para o conxunto da economía galega en 816 millóns de euros.

“Denunciamos que carecía de soporte científico e que obviaba o seu impacto socioeconómico ao non sustentarse en ningún informe que analizase previamente os efectos que a prohibición traería consigo neste eido”, resaltou. Ademais, o Comité Científico, Técnico e Económico de Pesca da alta institución comunitaria admitía que podería ter subestimado os impactos negativos do peche dos ecosistemas mariños vulnerable.

Hoxe este órgano ve imprescindible coñecer a opinión do sector sobre os impactos xerados pola adopción desta decisión, xa que isto proporcionaría unha imaxe máis fiel á realidade ao poder avaliar o eido socioeconómico; especialmente, porque o escenario actual é incerto e tendo en conta que a recomendación dos científicos do Consello Internacional para a Exploración do Mar aposta por incrementar os peches, con cinco posibles opcións para clausurar entre 102 e 115 caladoiros.

Segundo o conselleiro do Mar, cómpre apostar pola renovación estrutural actual da Comisión Europea para robustecer a voz do sector, creando un comisariado específico e que permita afondar na cogobernanza co sector na nova PPC, co fin de garantir unha maior participación dos representantes da actividade pesqueira, das rexións e dos organismos científicos no proceso de tomas de decisións. Por iso e, co fin inminente do mandato do Comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, “temos que ter máis presente ca nunca estas eleccións nas que o sector pesqueiro se xoga moito. É urxente un cambio político e lexislativo para potenciar a actividade do sector”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 08/05/2024