A policía autonómica comisa máis de 120 quilos de ameixa en Ferrol

É o resultado dun operativo contra o furtivismo nas zona da Malata e O Couto o pasado 7 de maio, que se saldou coa identificación de 14 persoas

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2024

Axentes do Equipo de Resposta Policial (ERPOL)  da Policía Autonómica comisaron o pasado 7 de maio un total de 123 quilos de ameixa e identificaron 14 persoas no marco dun operativo de loita contra o furtivismo nas zonas da Malata e do Couto, en Ferrol. 

Por unha banda, na zona da Malata, os axentes identificaron 11 persoas e comisaron 20 quilos de ameixa. Na zona do Couto houbo tres persoas identificadas e o comiso ascendeu a 103 quilos de ameixa babosa, xapónica e fina. 

Como resultado, tramitáronse ás persoas identificadas as respectivas denuncias por presunta infracción da Lei de pesca de Galicia. Ademais, todas as ameixas incautadas resementáronse no lugar onde se atoparon.

O operativo enmárcase no reforzo realizado pola Policía Autonómica no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2024