O presidente da Xunta participou no acto de entrega de medallas 2024 de Anfaco-Cecopesca

Rueda salienta a importancia das organizacións que conforman o sector pesqueiro para que Galicia siga sendo un referente nacional

Encomia o labor de Anfaco-Cecopesca en prol do sector pesqueiro galego

Destaca que Galicia sexa a comunidade que máis exporta en produtos pesqueiros

Comparte a súa alegría polo traballo das empresas galegas no eido internacional

Vigo, 10 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia das organizacións que conforman o sector pesqueiro para que Galicia sexa un referente nacional neste ámbito.

Así o salientou no acto de entrega de medallas 2024 de Anfaco-Cecopesca. Un acto que serviu tamén para conmemorar á organización, que este ano cumpre 120 anos. Rueda aproveitou para encomiar o labor que fan desde a institución viguesa en prol do sector pesqueiro galego, destacando a súa unidade de acción: “É unha desas asociacións que realmente son representativas, que cando falan en nome dos seus asociados falan en serio”.

Ademais, resaltou a súa importancia en que Galicia sexa a comunidade autónoma que máis produtos relacionados coa pesca exporta, e dándolles os parabéns por este aniversario tan especial: “Noraboa por tantísimos anos, e por ser un dos puntais do récord de exportación que Galicia volveu a ter o ano pasado”, recalcou Rueda.

Neste sentido, o presidente recordou o compromiso do Goberno galego con todas as empresas, organizacións e persoas que conforman o sector pesqueiro galego, e compartiu a alegría que lle deu ver a forza das empresas galegas do sector durante a súa viaxe na Arxentina: “Sigamos traballando así. É un orgullo ver como moitas empresas galegas, a miles de quilómetros, están xerando moitísima riqueza, miles de postos de traballo”.

Alfonso Rueda tamén quixo dar a súa noraboa aos premiados na gala de hoxe, salientándoos como un exemplo para toda a sociedade galega: “Moitísimas grazas por ese traballo que facedes, que é tanto como dicir o traballo de Galicia Calidade: é unha garantía”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2024