A Xunta mellora a accesibilidade a núcleos rurais do concello de Cenlle no marco do apoio á pavimentación de camiños públicos municipais

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou as actuacións levadas a cabo no concello ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público, que este ano conta cun orzamento de 3,5 M€

Esta convocatoria supuxo o ano pasado un investimento de máis de 1 M€ en 31 entidades locais da provincia de Ourense

O Goberno galego leva investidos nos últimos anos máis de 1 M€ no municipio de Cenlle, incluíndo os traballos visitados hoxe que permitiron un mellor acceso a Sadurnín cunha achega de máis de 26.000 €

Cenlle (Ourense), 16 de maio de 2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe o concello de Cenlle para coñecer as melloras de accesibilidade realizadas no núcleo de Sadurnín. As actuacións contaron cunha achega superior aos 26.000 euros a través da Orde de infraestruturas de uso público que, entre os traballos que financia, inclúe precisamente a pavimentación de camiños municipais. Deste xeito, coa colaboración da Xunta, o concello levou a cabo no acceso a este núcleo a limpeza de cunetas con retroescavadora, o barrido e bacheo do firme,  a escavación do terreo e un tratamento de dobre rega asfáltica.

No concello de Cenlle, o apoio do Goberno galego mediante de distintas liñas de axuda para o eido local supera 1 millón de euros desde 2009, tanto en actuacións en infraestruturas como a visitada hoxe e outras melloras ambientais. Ademais, Cenlle recibiu en 2023 outros 135.400 euros do fondo base do Fondo de Cooperación Local.

Algunhas das axudas outorgáronse de maneira conxunta á Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro, á que pertence Cenlle xunto cos municipios da Arnoia, Beade, Cortegada e Leiro. Por exemplo, a axuda de máis de 135.400 euros concedida o ano pasado ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental para o mantemento dos servizos de recollida de lixo e lumes e inversións asociadas. Nesta liña, a directora xeral instou a que, da mesma maneira que a Xunta colabora cos municipios para facilitarlles as prestacións de servizos municipais, a cooperación entre as propias entidades locais contribúe a ser “máis eficientes e evitar duplicidades”.

Natalia Prieto destacou a importancia de apoiar os concellos na mellora das infraestruturas municipais, co obxectivo de garantirlle á veciñanza instalacións accesibles, eficientes e confortables, así como a prestación dos servizos nas mellores condicións para as persoas traballadoras e usuarias. Neste marco de acción, sinalou que a Xunta inviste un ano máis 3,5 millóns de euros a través da Orde de infraestruturas de uso público, unha liña de axudas que beneficiou o pasado ano máis dun cento de administracións locais en toda Galicia. No caso da provincia de Ourense, foron 31 os municipios que recibiron estas axudas cun investimento total de máis de 1 millón de euros.

Ademais da Orde de Infraestruturas, a Administración autonómica tamén apoia as entidades locais con outras axudas como o Fondo de Compensación Ambiental, que conta con máis de 11 millóns de euros de orzamento ou Fondo de Cooperación Local. Como novidade este ano, os concellos dispoñen tamén dunha orde plurianual destinada a obras de mellora enerxética, cun orzamento de 5,3 millóns de euros cofinanciados con Fondos Feder para o período 2024-2025.

A través do conxunto de liñas convocadas en 2023 investíronse 27,2 millóns de euros no impulso a máis de 600 proxectos municipais. A directora xeral enmarcou estes apoios no compromiso do Goberno galego co eido local e, especialmente, coa veciñanza dos concellos de menor poboación para garantir recursos públicos de calidade en todo o territorio.      

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2024