O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, compareceu hoxe na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia

A Xunta leva catro meses agardando a que o Concello de Ourense responda á proposta de adhesión ao Xantar na Casa

A implantación do programa está pendente de que a Administración local dea luz verde ao convenio remitido o pasado mes de xaneiro

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2024

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, informou hoxe que o Concello de Ourense leva desde o pasado mes de xaneiro sen responder á proposta de adhesión ao programa Xantar na Casa. Así o sinalou na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, na que explicou que mentres o Concello ourensán non dea luz verde á devandita proposta remitida pola Xunta non se poderá avanzar na implantación do servizo. 

Perfecto Rodríguez aclarou que o Xantar na Casa é un programa autonómico e de características distintas ao Comedor sobre Rodas municipal e que, polo tanto, nin se trata nin se pode substituír de maneira automática un servizo polo outro, tal e como pretende o concello pese non ter aprobado o convenio de incorporación. Neste sentido, desde o Consorcio se lle transmitiu ao Concello que aínda que este ratifique a súa adhesión ao Xantar na Casa nas vindeiras semanas, que é un requisito previo imprescindible, a incorporación dos usuarios faise sempre de maneira progresiva.

O xerente do Consorcio insistiu en que a dia de hoxe segue sen ter constancia da aprobación do convenio de adhesión ao Xantar na Casa por parte do concello, polo que se os usuarios do servizo municipal deixan de recibilo en ningún caso é por culpa do Executivo autonómico

57 concellos da provincia adheridos

Neste momento hai 200 municipios adheridos ao programa Xantar na Casa da Xunta de Galicia, dos cales 57 son da provincia de Ourense. Conta na actualidade con máis de 2.000 persoas usuarias que reciben nos seus fogares a comida para os sete días da semana. A Administración autonómico financia o 50% do custe do menú e o resto o achegan os concellos e os usuarios a partes iguais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2024