O conselleiro do Mar clausura a Xornada Opmega cultivo de mexillón en batea. Tendencia de comercialización e consumo

Villares avoga polo equilibrio entre o respecto ambiental e a sustentabilidade económica para que a pesca e a acuicultura sigan sendo prioritarios no litoral galego

Destaca a importancia da colaboración do sector coa administración para enxalzar o valor engadido desta especie e aumentar así a súa demanda no mercado e o incremento do seu prezo

Adianta que o Goberno galego seguirá a traballar para que se lle conceda un trato xusto ao tecido produtivo do mar, esencial para o futuro de Galicia

Vilagarcía de Arousa, 16 de maio de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, avoga polo equilibrio entre o respecto ambiental e a sustentabilidade económica para que a pesca e a acuicultura continúen sendo prioritarios no litoral galego. Así o expuxo na clausura da Xornada Opmega cultivo de mexillón en batea. Tendencia de comercialización e consumo, que tivo lugar este xoves en Vilagarcía de Arousa.

Villares destacou a importancia da colaboración do sector coa administración para saber entender as demandas do mercado e ter a habilidade de saber adaptarse a elas, apoiados nas actuais estratexias de mercadotecnia e de innovación e, en consecuencia, de personalizar os produtos e servizos ou crear experiencias e compras atractivas. O obxectivo é enxalzar o valor engadido do mexillón para que no mercado aumente a súa demanda e os seus prezos.

Dende a Xunta de Galicia seguirase a traballar para que se lle conceda un trato xusto ás demandas do mar, esenciais para o futuro da Comunidade; todo o contrario do que está a facer o Goberno central que se nega a incluír os produtos do mar e da carne na baixada do IVE; o que supón unha discriminación inxustificable para estes sectores, tal e como apuntou o titular autonómico.

Neste senso, e despois de cinco meses de ser presentada, para o conselleiro resulta sorprendente que o Executivo estatal anunciase que a solicitude de zona catastrófica, avalada por informe técnicos, non fose tramitada, sobre todo, cando a finalidade da Xunta de Galicia é acadar os máximos recursos posibles para cubrir así a reparación de tódolos danos nas producións mariñas e abrir a porta a axudas a empresas e traballadores.

Unha das especies máis cultivadas en España

O mexillón é un dos moluscos máis cultivados en España e da máis representativa de entre as especies de acuicultura comercializadas no país. Máis de 3.300 parques de cultivo flotantes conforman a acuicultura tradicional galega, estratéxica na economía local. Desde 2009, o seu cultivo xerou preto de 1.640 millóns de euros pola venta de preto de 3.5 millóns de Ton; unha produción que foi tomando peso en fresco, tanto no volume de produción como no valor de facturación, supoñendo isto que 6 de cada 10 Kg de mexillóns é comercializado deste xeito.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 16/05/2024