Aneiros reúnese coa xerente do GALP A Mariña-Ortegal coa que analizou os proxectos financiados nesta comarca ao amparo do FEMPA 2021-2027

O encontro enmárcase na rolda de contactos cos Concellos, axentes sociais e tecido socioeconómico que a delegada territorial da Xunta en Ferrol iniciou tralo seu nomeamento

Ferrol, 16 de maio de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa xerente do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal, Rosana González Vizoso, coa que analizou os proxectos financiados nesta área territorial ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027.

A delegada territorial lembrou que o GALP A Mariña Ortegal, ao que están adscritos os municipios de Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira e Mañón, ademais dos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo, é o encargado de xestionar no territorio estes fondos. A través da primeira convocatoria do FEMPA en 2023, este GALP financiou tres proxectos, un de carácter produtivo e dous non produtivos. Actualmente está pendente de resolución definitiva as axudas deste ano.

O encontro coa xerente do GALP enmárcase dentro da rolda de contactos con Concellos, axentes sociais e tecido socioeconómico da área territorial iniciada tralo recente nomeamento da delegada territorial para tomar o pulso ás necesidades da zona.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 16/05/2024