A Xunta comparte con autoridades europeas as novas ferramentas de sustentabilidade turística de Galicia

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participa na asemblea xeral de NECSTouR, a Rede de Rexións Europeas para un turismo competitivo

Como rexión membro do comité de dirección desta rede, Galicia pon en común exemplos de boas prácticas como o futuro Observatorio de Sustentabilidade Turística ou a certificación de sustentabilidade no Camiño de Santiago, entre outras

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participa hoxe na asamblea xeral de NECSTour, a Rede de Rexións Europeas para un turismo sustentable e competitivo ante máis preto dun cento de partipantes e máis de 50 rexións e entidades turísticas asociadas europeas, onde compartiu as distintas ferramentas de sustentabilidade turística que o Goberno autonómico está a empregar para planificar o destino.

En concreto, recordou que a sustentabilidade é a esencia do modelo turístico galego desde hai anos “tempo no que se está traballando tendo moi en conta a xestión e impactos na sociedade, no medioambiente, na cultura e na economía a través das distintas estratexias de turismo e de medidas concretas en destinos e recursos”, explicou. Neste sentido, Galicia forma parte do grupo de NECSTour que lidera en Europa a análises de datos e, nas distintas actividades da xornada, presentáronse ante as autoridades europeas exemplos levados a cabo polo Goberno autonómico como a regulación de fluxos en lugares como a Praia das Catedrais, o Parque Nacional das Illas Atlánticas ou a Catedral de Santiago de Compostela, onde se vén de renovar un convenio de 1M€ para o control de accesos e seguridade.

Tamén se referiu á recente licitación do Observatorio de Sustentabilidade de Galicia, unha nova ferramenta que dará continuidade ao traballo feito nestes anos e que permitirá actualizar as metodoloxías e monitorizar a evolución dos destinos galegos a través dun sistema estatístico de observación integral “e crearemos un plan de acción para actuar e atallar posibles situacións neste contexto global dunha evolución extraordinaria do turismo”, engadiu. Como explicou, é, ademais, un compromiso adquirido hai anos que se ralentizou no contexto da pandemia e que se inclúe agora entre as medidas da Estratexia de Turismo de Galicia 2030 que se está a ultimar para que entre en vigor este ano coa intención de seguir afondando na desestacionalización e diversificación do turismo.

Exemplo do Camiño de Santiago

No encontro de NECSTour, a Xunta de Galicia tamén está a compartir o modelo de xestión no Camiño de Santiago, unha ruta que tamén está a recibir máis peregrinos que nunca, pero dun xeito máis repartido no tempo e no espazo físico. Como explicou, o Goberno galego leva anos monitorizando o comportamento a partir de distintas ferramentas como o Plan director do Camiño de Santiago, con medidas para preservar o valor patrimonial, natural e cultural, que inclúe iniciativas como a certificación forestal e catalogación de árboles no Camiño, intensificación da atención ao peregrino, análise da accesibilidade e propostas para manter o grao de hospitalidade,

Tamén están en marcha estudos para avaliar o seu impacto socioeconómico no rural e coa instalación de sensores para analizar a súa capacidade de carga e fluxos turísticos no ruta xacobea instalados en distintos puntos do itinerario.

“A intención é seguir mellorando na toma de decisións ao redor da ruta xacobea para garantir a preservación dos seus valores e o grao de satisfacción de peregrinos e residentes”, engadiu. En relación ao Camiño de Santiago tamén compartiu en NECStour o Plan de Calidade e Sustentabilidade Turística de 2024 no que, como novidade, se están a implantar certificacións como a S de Sustentabilidade Turística en recursos públicos da ruta xacobea, incluidos os albergues da rede pública.

O encontro celebrado hoxe en Suecia dá continuidade ao celebrado a finais do ano pasado en Florencia, para poñer xuntos en marcha unha estratexia de sustentabilidade turística europea a partir de casos de éxito das rexións membro. NECSTouR ten entre os seus obxectivos promover o intercambio de experiencais e o deseño de programas conxuntos para impulsar o desenvolvemento sustentable, a creación de sinerxías entre distintos territorios e a aplicación de boas prácticas no sector.

Proxectos interrexionais

Con sede en Bruxelas, desenvolve proxectos interrexionais e fomenta a cooperación para permitir a gobernanza do turismo sostible en Europa. Desde a súa posta en marcha, estase a consolidar como unha eficaz ferramenta para asesorar ás autoridades comunitarias e buscar socios noutras rexións.

Como rede de 45 autoridades turísticas rexionais europeas e 35 membros asociados (universidades, institutos de investigación, representantes de empresas turísticas e asociacións de turismo sostible), traballa de maneira proactiva e en asociación para abordar os desafíos identificando, capturando e compartindo solucións de mellores prácticas. NECSTouR axuda aos destinos a lograr un enfoque máis intelixente e sostible para o desenvolvemento turístico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2024