Preséntase na Casa de Galicia en Madrid a décima edición do Festival Bal y Gay, con 12 concertos do 8 ao 23 de agosto

Madrid, 22 de maio de 2024

O director da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez, participou na presentación da XI Edición do Festival Bal y Gay, referente de música clásica en España polas súas excelentes propostas artísticas en espazos emblemáticos da Mariña (Lugo).

No acto estiveron presentes o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo;  Alba Rodríguez, directora do festival; Enrique Rodríguez Baixeras, presidente da Fundación Xesús Bal y Gay; e  Sonia Mulero, directora da Fundación Banco Sabadell.

O director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, fixo mención á renovación do compromiso do Goberno galego con cada edición deste festival. Lorenzo felicitou ao festival polo seu traballo a favor da "alfabetización cultural a través da música clásica", á vez que puxo en valor que estes concertos e as actividades do ciclo permiten coñecer espazos singulares do patrimonio de Galicia.

Na mesma liña, o representante da Xunta indicou que os obxectivos do festival están "plenamente aliñados coa aposta da Administración autonómica por fomentar o acceso e a participación da cidadanía na cultura, procurando unha oferta cultural diversa e de calidade".

Pola súa banda, a directora do festival mostrou a súa satisfacción polo cartel desta edición. "Estamos moi orgullosos de seguir contando este ano con artistas nacionais e internacionais de renome". Así mesmo, salientou que o seu obxectivo é "garantir a excelencia e buscar novos espazos" para achegar a música clásica ao público. Ademais, avanzou que este ano o festival mira a Asturias, coa intención de crecer, así resaltou a participación do pianista Martín García García e a Orquestra Sinfónica de Asturias.

O concerto inaugural do festival correrá a cargo do cuarteto Elías String Quartet, que "cativou ás mellores salas do mundo" entre elas o Carnegie Hall de Nova York, destacan desde o Festival. Este primeiro concerto terá lugar na praza de Conde Fontao de Foz, o día 8 de agosto ás sete da tarde. Interpretarán un selecto repertorio con música de Stravinsky e Schubert.

A fundación completa o cartel con artistas de renome mundial, que poñen á comarca ao nivel de grandes urbes cunha intensa actividade cultural. Así estarán nos distintos escenarios e localizacións do Festival o violinista armenio Sergey Khachatryan, o dúo Javier Ulises Illán e Nereydas, o grupo Música Ficta, o pianista Martín García García, as sopranos Katharina Konradi -xunto ao Cuarteto Cosmos- e Ruth Iniesta -que actuará xunto ao pianista Javier Carmena-, o dúo André Cebrián e Pedro Mateo.

Ademais, a Orquestra Sinfónica de Galicia será a encargada de clausurar a edición deste ano do Bal y Gay.Un festival cuxo xerme foi un curso de clarinete en Nois e cuxo obxectivo é "democratizar a cultura" achegando a música clásica ao público xeral. O certame conta co apoio da Deputación, Xunta e Fundación do Banco Sabadell.

Data de actualización: 22/05/2024