A Xunta abre a convocatoria das axudas para proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior dotadas con 6 M€

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as liñas de subvencións para os proxectos no exterior de ONGD con 5,3 M€, e doutros axentes de cooperación con 700.000 €

Fináncianse proxectospara propiciar o desenvolvemento integral dos países de intervención, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, e aliviar e corrixir as situacións de pobreza

O prazo para a presentación de solicitudes comeza mañá e prolóngase un mes

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2024

O Diario Oficial de Galicia  publica hoxe a convocatoria de axudas para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, dotada con 6 millóns de euros. Deste total, 5,3 millóns son para proxectos no exterior de ONGD e os outros 700.000 euros para proxectos no exterior doutros axentes.

Así, pódense beneficiar da iniciativa as ONGD, as universidades galegas e as súas entidades dependentes, as cooperativas, empresas e asociacións empresariais, as organizacións sindicais, as comunidades galegas no exterior e outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a cooperación para o desenvolvemento, que estean inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, con polo menos un ano de antigüidade. Os proxectos financiados deben iniciarse en 2024.

A través desta orde fináncianse proxectos cuxo obxectivo é o de propiciar o desenvolvemento integral dos países de intervención, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano solidario.

Coas actuacións previstas preténdese dar cobertura ás necesidades sociais básicas, como a educación e a saúde, o abastecemento de auga e saneamento, a xestión de recursos hídricos, a habitabilidade, a promoción do tecido económico en materia de agricultura, desenvolvemento rural, pesca e acuicultura, o impulso da equidade de xénero, a defensa dos dereitos humanos, o fortalecemento institucional ou a loita contra o cambio climático.

Coa finalidade de acadar unha maior redistribución dos fondos pódense financiar como máximo dous proxectos, tanto no caso de execución por parte de ONGD como doutros axentes, e ben sexa individuais o en agrupación. Deben cumprir o requisito de que polo menos un dos proxectos sexa executado nun país definido como prioritario no V Plan Director da Cooperación Galega, isto é, Nicaragua, Guatemala, Honduras, O Salvador, A República Dominicana, Perú, Ecuador, Bolivia, Mozambique, Guinea Bissau e Cabo Verde.

A diferencia de convocatorias anteriores, a subvención distribúese cun 35 % en 2023 e un 65 % en 2025. En concreto, cunha dotación de 2,1 millóns neste ano e os 3,9 millóns restantes se reservan para 2025.

As entidades interesadas en optar ás axudas deben presentar a solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal no prazo dun mes contado a partir de mañá.

Data de actualización: 22/05/2024