O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, fixo este anuncio en resposta a unha pregunta na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia

A Xunta lanzará en setembro a terceira ruta de “A Furgoteca” que percorrerá dez concellos de Ourense

A ampliación faise tras o balance positivo das dúas primeiras rutas nas que este servizo recibiu máis de 14.300 visitas e fixo case 15.000 préstamos

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, anunciou hoxe que en setembro deste ano porase en marcha a terceira ruta de A Furgoteca. Activarase na provincia de Ourense e atenderá os concellos de Lobeira, Muíños, Padrenda, A Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus e Verea. Ademais adiantou que para este servizo a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude prevé un investimento de máis de 655.000 euros de cara aos próximos dous anos.

En resposta a unha pregunta parlamentaria na Comisión de Educación e Cultura, Anxo M. Lorenzo explicou que a decisión de ampliar este servizo de biblioteca móbil faise tras o balance “positivo e alentador” das dúas primeiras rutas, nas que percorreu 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense con menos de 2.000 habitantes.

Así, destacou que, desde a súa posta en marcha en 2023, a iniciativa realizou preto de 1.400 carnés de lector, case 15.000 préstamos e un total de 335 actividades de dinamización, nas que participaron máis de 6.600 asistentes. En total, segundo precisou, a biblioteca móbil de Galicia recibiu máis de 14.300 visitas. Ademais, puxo en valor o feito de que este servizo recibiu unha “moi boa acollida” polas persoas usuarias e un uso xeral “moi satisfactorio”.

Cultura inclusiva e accesible

Anxo M. Lorenzo lembrou que A Furgoteca naceu como un servizo de biblioteca móbil desenvolvido pola Xunta, que atende os servizos básicos de calquera biblioteca pública, promovendo o acceso á lectura e á cultura a través de accións de dinamización lectora en poboacións do rural.

A súa posta en marcha obedeceu ao obxectivo de achegar á cultura a todas as persoas, prestar un servizo de proximidade que permite a participación social e que incide no crecemento persoal e o reforzo da comunidade, promovendo actividades que fomentan as relacións interxeracionais, a acollida e integración de novos cidadáns, a participación de grupos desfavorecidos e, en xeral, as que serven para reforzar lazos na comunidade de usuarios.

Finalmente, o director xeral de Cultura destacou que A Furgoteca está encadrada dentro dos obxectivos da Xunta de Galicia para favorecer unha “cultura inclusiva e accesible en Galicia” sexa cal sexa o territorio no que viven, en liña coa futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, chegando aos concellos rurais nos que non existe servizo de bibliotecas e dando, así, “resposta ás necesidades da poboación para que vivan en igualdade de condicións”, concluíu o director xeral de Cultura.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2024