Villares garante en Baleira o apoio decidido da xunta á acuicultura galega, sector ao que a consellería destinará este ano máis 20,6 millóns de euros

Destaca que apostar por estes centros produtivos ten efectos positivos na economía e na creación de emprego, respectando a legalidade e o coidado do medio ambiente, pero tamén no compromiso de dar vida ao rural e atallar o reto demográfico

O responsable autonómico louvou o traballo no ámbito da innovación que desenvolve esta compañía a través de diferentes proxectos de investigación que considera claves para asegurar a sustentabilidade e competitividade do sector

Baleira (Lugo), 22 de maio de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, garante o apoio decidido da Xunta á acuicultura galega, sector ao que o Goberno galego destinará en 2024 máis de 20 millóns de euros, duplicando así a contía do pasado exercicio, cifrado en 10,9 millóns. Así o trasladou este mércores ao equipo directivo de Ovapiscis; empresa, situada no concello de Baleira, que é líder en Europa na produción de ovas de troita arcoiris. Nesta liña puxo en valor que, este esforzo inversor da Consellería que dirixe,  permitirá afrontar importantes investimentos en materia de piscicultura.

Para o responsable autonómico a piscifactoría lucense é un claro exemplo de que este sector ten un claro posicionamento no mercado, ao facturar no último exercicio máis de 200 millóns de euros. Por tanto, apostar por este tipo de centros produtivos ten efectos claramente positivos na economía e na creación de emprego, respectando a legalidade e  o coidado do medio ambiente, pero tamén no compromiso de dar vida ao rural e evitar con elo o declive demográfico.

Ovapiscis fundouse en 1995. Na actualidade continúa coa súa estratexia de crecemento e expansión, de xeito que xa vende a 32 países de todo o mundo. A súa produción sitúase nos 540 millóns de ovas, cifra que aumentará considerablemente a finais de 2026. Conta con seis granxas para a produción de ovas de troita arcoiris e unha destinada exclusivamente ao desenvolvemento da súa xenética, que se reparten pola zona norte de España. Concretamente, en Galicia, Castela e León e Aragón.

Aposta pola innovación

O titular de Mar destacou a aposta desta compañía pola innovación para ofrecer o mellor produto ao consumidor final dedicando gran parte dos seu orzamento a mellorar as técnicas de produción así como das condicións de mantemento e sanitarias das granxas colaborando con diferentes proxectos de investigación e desenvolvendo un gran programa de selección xenética. Liñas de traballo que considerou claves para seguir avanzando na sustentabilidade e competitividade dun sector puxante e cun gran potencial de crecemento nos vindeiros anos, facendo unha contribución esencial no camiño cara á soberanía alimentaria.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 22/05/2024