A Xunta renova o programa de acollemento familiar especializado con Aldeas Infantiles

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución do procedemento aberto por concerto social para adxudicar esta iniciativa

Neste tipo de acollemento participan fogares nos que, polo menos, un dos proxenitores dispón de cualificación profesional específica ou ben conta con experiencia ou formación no ámbito

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución do programa do acollemento familiar especializado que foi adxudicado, en réxime de concerto social, a Aldeas Infantiles. O Goberno galego destinará 520.000 euros a esta iniciativa impulsada o pasado ano por vez primeira e que terá unha duración de execución de sete meses.

No acollemento familiar especializado participan fogares nos que, polo menos, un dos proxenitores dispón dunha cualificación profesional específica para realizar este labor ou ben conta con experiencia ou formación neste ámbito.  Será Aldeas Infantiles a encargada de seleccionar as familias participantes no programa, xestionar os acollementos e realizar un plan de intervención e seguimento.

Así mesmo, pola dedicación exclusiva que implica o programa, remunerarase ás familias acolledoras especializadas cun importe de 1500 euros ao mes. Adicionalmente, recibirán unha compensación polos gastos de manutención do neno ou adolescente, ao igual que o resto de familias acolledoras de Galicia.

Acollemento especializado

A experiencia no ámbito revela a necesidade de establecer esta nova modalidade de acollemento mantendo as vantaxes que supón para os nenos e adolescentes vivir nun entorno familiar. O feito de que algún dos membros da unidade familiar conte con formación ou coñecemento específico permite que os menores con especiais necesidades ou problemas de conducta teñan as máximas garantías.

Data de actualización: 23/05/2024