O secretario xeral da Lingua asiste á presentación deste certame organizado polo Instituto IES Rosalía de Castro en colaboración coa Consellería de Cultura

O XXXVIII Premio Literario San Clemente impulsado co apoio da Xunta contará con nove finalistas

A categoría en lingua galega decidirase entre Hotel Carioca, de Antón Riveiro Coello; Diario de dúas casas, de María Villamarín de Euseino? Editores; e O ano das mazás, de Montse Ferreira Fervenza

Os libros gañadores serán elixidos por alumnado de Bacharelato do propio instituto compostelán e tamén doutros centros galegos e de fóra de Galicia

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2024

O XXVIII Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente, organizado polo Instituto IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, anunciou esta mañá as obras finalistas nas súas tres categorías: novela en lingua estranxeira, novela en castelán e novela en galego. Hotel Carioca, libro de Antón Riveiro Coello editado por Galaxia; Diario de dúas casas, título de María Villamarín do selo Euseino? Editores, e O ano das mazas, obra de Montse Ferreira Fervenza publicado por Xerais son as finalistas no apartado de novela en galego.

O San Clemente en lingua castelá decidirase entre La naturaleza secreta de las cosas de este mundo, novela do arxentino Patricio Pron editada por Anagrama; Literatura infantil, do chileno Alejandro Zambra e tamén editada por Anagrama; e No te veré morir, volume do andaluz Antonio Muñoz Molina lanzado por Seix Barral. Para o galardón en idioma estranxeiro, as obras finalistas son: Una salida honrosa, do francés Éric Vuillard (Tusquets); Miradnos Bailar, da autora francomarroquí Leïla Slimani, e El retrato de casada, da británica Maggie O’Farrell (Libros del Asteroide).

As obras déronse a coñecer esta mañá nun acto no que participaron o secretario xeral da Lingua da Xunta, Valentín García; o director do IES Rosalía de Castro, Xavier Mouriño; a xefa de departamento de Lingua Castelá do centro e coordinadora do Premio San Clemente, Marta Gende, e a profesora de Lingua Galega, Sira Vidal, que falaron da escolla de finalistas e dos argumentos das obras.

Importante elemento de promoción da lectura entra a mocidade

Valentín García destacou a singularidade deste premio composto por un xurado adolescente, xa que os libros gañadores das tres categorías son elixidos por alumnado de Bacharelato do propio instituto compostelán e tamén doutros centros de fóra de Galicia.

Neste senso, puxo en valor que se conte co criterio destas rapaces e rapazas, que se ten demostrado cualificado ao longo de todos estes anos. Ademais, fixo fincapé na importancia que todos os autores e autoras premiados lle dan a contar cun recoñecemento de lectores destas idades, que derruban clixés e estereotipos e reflicten a realidade dunha mocidade con hábitos e gusto lector no seu tempo de lecer.

Valentín García defendeu que se teña consolidado a iniciativa do instituto compostelán á hora de organizar este afianzado certame, convertido “nun importante elemento de promoción e difusión do hábito lector entre a mocidade”. Nesta liña, remarcou a súa importante achega á hora de trasladarlles ás novas xeracións “a importancia e a riqueza de coñecer diferentes linguas”.

Xurado de 10 centros de Galicia, Madrid, Francia, Alemaña ou Reino Unido

O alumnado é o auténtico protagonista destes galardóns. En cada edición convídase a participar a institutos públicos de toda Galicia e de Europa. O día da entrega os autores e autoras premiadas comparten convivencia e cea co alumnado.

Nesta 28ª edición, cuxas obras gañadoras se darán a coñecer no curso 2024/20225, participarán un total de  dez  centros:  o IES do Sar (Santiago de Compostela), o IES de Brión (Brión, A Coruña), o IES Aquis Celenis (Caldas de Reis, Pontevedra), o IES Gregorio Ordóñez (Sarria, Lugo), o IES Universidade Laboral (Ourense), o IES Ramiro de Maeztu (Madrid), o Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), o Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña),  a Hockerill Anglo European College (Reino Unido) e o propio Instituto Rosalía de Castro.

Paul Auster, Martín Gaite ou Murakami entre os premiados

Estes galardóns puxéronse en marcha en 1993 da man da Asociación Cultural Instituto Rosalía de Castro e grazas ao impulso de profesores xa xubilados no centro, como o antigo director Ubaldo Rueda, Maribel Martín, Margarita Prado e Rosa López.

Ao longo de case tres décadas, sinaturas tan reputadas como as de Paul Auster, Haruki Murakami, Antonio Tabucchi, José Saramago, Mario Vargas Llosa, Carmen Martín Gaite, Almudena Grandes, Manuel Rivas, María Reimóndez, Anxos Sumai ou Pedro Feijóo recibiron este galardón que, na pasada edición, levaron Sica Romero por Avelaíñas eléctricas; Brenda Navarro por Ceniza en la boca e Nell Leyson por La escuela de canto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2024