A conselleira de Política Social e Igualdade, acompañada polo alcalde do Pino, Manuel Taboada, visitou a escola infantil pública autonómica desta localidade

Fabiola García lembra as vantaxes na declaración da renda para as familias galegas con dous ou máis fillos

Por primeira vez, os fogares con dous rapaces poden aplicarse unha dedución fiscal de 250 euros, mentres a rebaixa para as familias con tres fillos se duplicou ata os 500 euros e, a partir de aí, súmanse 250 máis por cada un

Ata o próximo 1 de xullo os galegos poden beneficiarse desta medida coa que Galicia volve ser pioneira, como a primeira comunidade que equipara a nivel fiscal as familias con dous fillos e as numerosas

O Pino (A Coruña), 23 de maio de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, lembrou esta mañá que as familias galegas con dous fillos poden deducirse 250 euros na declaración da renda. Foi nunha visita á escola infantil pública autonómica do Pino, en plena recta final do curso e coa campaña fiscal aínda en marcha.

 

Ademais de aprobar esta nova dedución, que pode aplicarse por primeira vez dende este ano, a Xunta duplicou ata os 500 euros a rebaixa para as familias numerosas de categoría xeral con tres fillos. A partir do cuarto, as familias numerosas de categoría especial poden sumar un desconto de 250 euros por cada rapaz.

 

Fabiola García destacou a importancia de revisar o apartado de deducións autonómicas no borrador da declaración, porque estas vantaxes non veñen marcadas por defecto. As familias que aínda non a presentaron poden facelo ata o próximo 1 de xullo, e as que xa o fixesen, aínda están a tempo de presentar unha declaración adicional ata ese día para engadir estas deducións.

 

Galicia foi a primeira comunidade en equiparar a nivel fiscal, as familias con dous fillos coas familias numerosas, igual que foi pioneira en establecer a gratuidade da matrícula das escolas infantís para nenos de 0 a 3 anos no 100 % dos centros, independentemente da súa titularidade (municipal, autonómica, privada ou de iniciativa social).

 

Listas de admisión definitivas das escolas infantís

No caso das escolas infantís públicas autonómicas, o próximo 31 de maio publicaranse as listas definitivas de admitidos para o curso que vén. Segundo as listas provisionais, acadaron praza o 86 % das familias que pediron renovala ou obtela por primeira vez. Isto supón un aumento do 2 % con respecto ao curso anterior, con 7.287 nenos que resultaron admitidos: 141 máis.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2024