Ana Ortiz destaca a Bienal de Cartelismo Terras Gauda como un “referente mundial” do deseño gráfico

A delegada territorial da Xunta salienta a traxectoria deste certame que durante un mes reúne as obras de artistas de 70 países na Estación Marítima de Vigo

Vigo, 23 de maio de 2024

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este xoves como xurado na novena edición da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda-Concurso Francisco Mantecón. A representante autonómica destacou o certame internacional, que reúne a artistas de 70 países, como un “referente internacional” do deseño gráfico.

 

Durante a presentación do concurso, Ana Ortiz destacou a traxectoria deste certame, que permite que artistas de todo o mundo dean a coñecer os seus traballos, durante os máis de 30 días que estas obras se exhiben na Estación Marítima de Vigo. Ademais de promocionar un dos produtos marca de identidade de Galicia como é o viño e contribuír a consolidar a comunidade como un destino do etnoturismo.

 

“Desde os seus primeiros pasos este concurso converteuse nunha referencia para deseñadores gráficos e ilustradores de todas partes do mundo, que viron nel unha oportunidade única de demostrar o seu talento e creatividade. Unha oportunidade que é a de crear unha imaxe que percorrerá os cinco continentes”, apuntou.

 

Máis de 21.000 carteis desde 2002

Más de 21.000 carteis procedentes de máis de 100 países participaron na Bienal desde que, en 2002, celebrouse a primeira edición do certame en memoria do artista Francisco Mantecón, socio fundador da adega e deseñador da súa imaxe corporativa.

 

Javier Mariscal, Alberto Corazón, Óscar Mariné, Manuel Estrada, Isidro Ferrer, Pep Carrió, Emilio Gil, Roberto Turégano, José María Cruz Novillo, Pepe Gimeno e Javier Jaén, deseñadores de proxección internacional, formaron parte en pasadas edicións dun xurado que preside José Mª Fonseca, máximo responsable do Grupo Terras Gauda.

 

Ademais de Ana Ortiz, nesta edición tamén forman parte do xurado o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, así como Enrique Costas, do Grupo Terras Gauda; Pilar Barreiro, viúva de Francisco Mantecón, e Paulino Novo, como secretario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2024