A Xunta destina máis de 264.000 € a apoiar a conciliación e fomentar a corresponsabilidade en nove municipios de Ferrol, Eume e Ortegal
A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá aos nenos e nenas que participan no programa Cariño Concilia 2024 que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto no CEIP Manuel Fraga Iribarne
Os concellos de Cabanas, Cerdido, Narón, Ortigueira, Pontedeume, Valdoviño, San Sadurniño e As Pontes tamén resultaron beneficiarios este ano do Plan Corresponsables no ámbito local da Consellería de Política Social e Igualdade
Cariño (A Coruña), 31 de xullo de 2024
A Xunta destina este ano 264.501 euros en axudas a entidades locais para apoiar a conciliación e fomentar a corresponsablidade en nove concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Así o deu a coñecer a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, durante unha visita realizada esta mañá xunto á alcaldesa de Cariño, Ana López, aos participantes do programa Cariño Concilia 2024, unhas das iniciativas municipais para favorecer a conciliación que a Consellería de Política Social e Igualdade financia nesta área territorial a través do Plan Corresponsables no ámbito local.
A través deste programa que conta cunha achega autonómica de 39.600 euros, o Concello organiza obradoiros semanais ao longo dos meses de xullo e agosto que se desenvolven nas instalacións do CEIP Manuel Fraga Iribarne.
Durante as xornadas os pequenos de ata 12 anos levan a cabo actividades físicas como xogos de distintas características para promover o exercicio físico; outros para poñer a proba o enxeño e a imaxinacións; actividades vinculadas ás habilidades sociais e á expresión oral, e propostas para traballar de forma específica valores de igualdade.
“Dende o Goberno galego cremos que a conciliación é o camiño para a consecución da igualdade real entre homes e mulleres, por iso apoiamos aos Concellos financiando programas municipais coma este coa fin de facilitar que calquera persoa traballadora poida compatibilizar o coidado da familia cun uso equilibrado dos seus tempos”, sinalou a delegada territorial.
Xunto á do Concello de Cariño, tamén resultaron beneficiarios desta orde de axudas da Xunta a través do Plan Corresponsables no ámbito local, os programas de conciliación promovidos polos concellos de Cabanas, Cerdido, Narón, Ortigueira, Pontedeume, Valdoviño, San Sadurniño e As Pontes.