A conselleira de Política Social e Igualdade visitou esta mañá aos rapaces do programa ‘Sanxenxo concilia’ no CEIP A Florida
Fabiola García pon en valor o Plan Corresponsables para axudar a conciliar no verán a máis de 12.000 familias galegas
Con 6,6 millóns de euros de orzamento, un incremento de máis dun 30% con respecto a 2023, as iniciativas deste plan desenvolveranse en case 170 concellos
Sanxenxo (Pontevedra), 2 de agosto de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, visitou esta mañá aos rapaces que participan no campamento ‘Sanxenxo concilia’ no CEIP A Florida. É o centro onde se desenvolve este programa de conciliación que recibe financiamento da Xunta de Galicia a través do Plan Corresponsables.
O Goberno galego inviste 6,6 millóns de euros, un incremento de máis dun 30% en relación co ano pasado, para impulsar este tipo de servizos e ofrecer, así, alternativas de conciliación en épocas especialmente complexas como o verán a máis de 12.000 familias de case 170 concellos. Unha cifra acadada trala decisión de ampliar o crédito destinado a este plan, co obxectivo de beneficiar ao máximo número de familias e concellos posibles.
A conselleira defendeu a aposta firme e convencida do Goberno galego pola conciliación, como demostran, ademais, outras medidas, como a decisión pioneira de establecer a gratuidade do 100% das escolas infantís (públicas, privadas ou de entidades sociais) para máis de 32.000 familias, o que supón un aforro medio anual de máis de 3.000 euros. Tamén a expansión da rede de máis de un cento de casas niño, que atende a máis de 500 cativos do rural, ou o Bono Concilia Familia, para facer fronte ao custo de necesidades puntuais de coidado dos fillos.