A Xunta realiza labores de conservación e mantemento no río Furelos, ao seu paso por Melide
As tarefas céntranse nun treito de case 230 metros na parroquia de San Pedro de Melide e inclúen a retirada de árbores e biomasa caídos na canle para evitar atoamentos
Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2024
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento no río Furelos, ao seu paso polo municipio coruñés de Melide. Concretamente, os traballos desenvolveranse nun tramo de 228 metros localizado na parroquia de San Pedro de Melide, lugar de Petos.
As actuacións sobre o terreo, que xa foron comunicadas ao concello, consisten na retirada de árbores e biomasa presentes no leito do río para evitar atoamentos e prolongaranse durante aproximadamente unha semana. Para realizar estes traballos, o persoal está a empregar motoserras e ferramentas manuais ademais dun tractor.
Unha vez finalizadas as obras previstas para os vindeiros días, este tramo do río Furelos quedará despexado dos obstáculos e materiais que dificultaban a circulación fluída e con normalidade das súas augas.
Cómpre lembrar que o organismo autonómico desenvolve este tipo de accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.
O obxectivo é avanzar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.