A Xunta convoca axudas a programas de voluntariado interxeracional para dinamizar o rural

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina máis de 760.000€ a iniciativas que poñan en contacto a mocidade de entre 16 e 35 anos con maiores de 55 para dinamizar os concellos menos poboados e mellorar as perspectivas laborais da xuventude

Serán obxecto de subvención proxectos vencellados cos coidados, a agricultura sustentable, a protección do medio ambiente, a posta en valor da riqueza patrimonial ou turística da zona e que procuren a cohesión tecnolóxica e dixital

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2024

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas para o desenvolvemento de programas de voluntariado interxeracional no medio rural, que permiten poñer en contacto a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos e persoas maiores de 55 para que poidan intercambiar coñecementos e intereses. Esta iniciativa ofrece actividades formativas e intercambio de coñecementos para dinamizar os concellos menos poboados e mellorar as perspectivas laborais da xuventude.

Poderán solicitar estas axudas entidades de acción voluntaria, tanto locais como asociativas, que contarán cun orzamento de máis de 760.000 euros. É preciso presentalas por vía electrónica a través do formulario dispoñible en www.sede.xunta.gal.

Este programa de axudas está encadrado dentro do Plan de recuperación, transformación e resilencia financiada pola Unión Europea (NextGenerationEU) e vencellado ao proxecto piloto Talento interxeracional, cuxa finalidade é aproveitar o talento e a experiencia das persoas maiores voluntarias implicadas para contribuír a aumentar a taxa de poboación no rural. Para iso, procúrase incentivar proxectos que ofrezan oportunidades vitais axeitadas ás necesidades reais destas zonas para mellorar as condicións de vida e os servizos sociais e asistenciais de proximidade coa axuda da tecnoloxía e da innovación.

Consecuentemente, deberanse propoñer iniciativas que teñan como escenario o medio rural e que desenvolvan actividades baseadas no recoñecemento da experiencia das persoas maiores. Preténdese así que os proxectos presentados sirvan de catalizadores para fomentar iniciativas das persoas máis novas naqueles sectores e actividades que presenten maiores dificultades de remuda xeracional.

Proxectos vencellados cos coidados, a agricultura sustentable ou o patrimonio

Polo tanto, as actuacións destes proxectos teñen que ir dirixidas ao deseño e estruturación dunha nova economía de coidados centrada na persoa; á recuperación ou renovación de actividades e oficios relacionados coa produtividade da zona; e ao impulso de novas iniciativas locais en materia de produción de produtos agroalimentarios de calidade e sustentables de cara á potenciar a súa proxección no mercado.

Ademais, tamén se terán en conta proxectos que procuren o recoñecemento e posta en valor da riqueza ambiental, patrimonial ou turística da zona, á vez que serán tidos en conta aqueles que propoñan o deseño e estruturación de novos modelos dixitais ou tecnolóxicos que atendan as necesidades da contorna e que permitan mellorar as existentes.

Data de actualización: 12/08/2024