O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou esta mañá a casa do maior situada no concello de Ponteceso
A Xunta publica a resolución de axudas para crear 20 novas casas do maior por toda Galicia
Crearanse nove casas na provincia de Ourense, oito na da Coruña, dúas na de Lugo e unha na provincia de Pontevedra
O orzamento destinado a esta nova orde ascende a 1,3 millóns de euros e permitirá rematar o ano con máis de 140 centros en funcionamento por toda Galicia
Esta convocatoria contempla como novidade o establecemento dunha axuda complementaria de 150 euros semanais por maternidade ou paternidade
Ponteceso (A Coruña), 14 de agosto de 2024
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, acompañado do alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, visitou esta mañá a casa do maior desta localidade onde anunciou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución dunha nova orde de axudas para crear 20 novas casas do maior. Por medio desta resolución, crearase unha nova casa en Ponteceso que elevará a dez as prazas de atención diúrna neste concello.
Mediante esta resolución, crearanse nove casas na provincia de Ourense, oito na da Coruña, dúas na de Lugo e unha na de Pontevedra. En concreto, situaranse nos concellos ourensáns de: Pontedeva, Beade, Melón, A Mezquita, Amoeiro, Viana do Bolo, Laza, Cortegada e Entrimo; na provincia da Coruña crearanse: dúas en Dumbría, dúas no Pino, dúas en Fisterra, unha en Irixoa e outra en Ponteceso; nos concellos lucenses de Sober e Bóveda; e no concello pontevedrés de Meis.
A Xunta destina 1,3 millóns de euros a esta convocatoria que permitirá a posta en funcionamento de 100 prazas, 100% gratuítas para persoas maiores de 60 anos que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con servizos de atención diúrna. Deste xeito, Galicia rematará o ano con 143 casas do maior.
Axuda complementaria 150 euros
As casas do maior é unha medida pioneira que o Executivo autonómico comezou a implantar no ano 2018 e na que desde entón leva investidos 22,4 millóns de euros. Os promotores destes recursos reciben subvencións para as obras de acondicionamento dos inmobles nos que prestarán o servizo, para o mantemento da actividade e para o desprazamento dos usuarios. Así mesmo e como novidade, esta orde establece unha axuda complementaria de 150 euros semanais nos casos de baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada da casa do maior.