A Xunta abre o prazo para que os concellos soliciten axudas para a creación de prazas de 0 a 3 anos en escolas infantís municipais
O Goberno galego ofrece esta liña de financiamento por terceiro ano consecutivo, cun orzamento de máis de 34 millóns de euros
Nesta nova convocatoria alónganse os prazos para dar máis facilidades aos concellos que xa se acolleron ou se queiran acoller a estas subvencións
Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a reapertura da orde de axudas para os concellos que crean novas prazas públicas no primeiro ciclo de educación infantil, que terán un mes adicional de prazo para solicitar estas subvencións, dado o interese amosado por algunhas administracións locais. O importe total desta liña de achegas é de 34,1 millóns de euros procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia que sufraga a Unión Europea (NextGenerationEU).
É a terceira vez que o Executivo autonómico ofrece esta liña de financiamento tras as convocatorias dos anos 2022 e 2023. Nesta nova convocatoria alónganse os prazos para dar máis facilidades aos concellos que xa se acolleron ou se queiran acoller agora a estas axudas. O prazo para realizar as obras de creación de prazas amplíase un ano, polo que se financiarán todas aquelas xeradas ata decembro de 2025. Ademais, incorpóranse as anualidades de 2024 e 2025 como subvencionables a efectos do mantemento só das novas prazas habilitadas.
Gratuidade da etapa 0-3 anos
A comezos deste mes, o Consello da Xunta aprobou un investimento de 7,7 millóns de euros de fondos propios da Administración autonómica para o funcionamento e para dar continuidade á gratuidade nas escolas infantís e puntos de atención á infancia que dependen dos concellos. Con este orzamento, o Executivo autonómico financiará unhas 7.300 prazas en 142 centros de 0 a 3 anos de titularidade municipal, nun esforzo compartido coas administracións locais.