A Xunta agarda que a conexión ferroviaria Lugo-Santiago se materialice en tempo e non sexa un exemplo máis de demora e incumprimento por parte do estado con Galicia

O Goberno galego congratúlase da licitación do estudo previo para realizar esta mellora pero lamenta a falta de compromiso real coas necesidades galegas en mobilidade 

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2024

A Xunta congratúlase pola licitación do estudo previo para mellorar a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago e agarda que o proxecto se materialice en tempo. Nesta liña, o Goberno galego lamenta as demoras e incumprimentos que acumulan diversas infraestruturas e servizos de transporte ferroviario prioritarios para a comunidade, como a conexión de alta velocidade con Portugal, a chegada da alta velocidade a todas as cidades ou o eixe A Coruña-Ferrol, entre outros.

O Goberno galego móstrase ademais escéptico na materialización deste proxecto ante os reiterados estudos de viabilidade e de alternativas iniciados e que unicamente dilatan expectativas de mobilidade, como acontece coa conexión de Cerdedo para a chegada da alta velocidade directa a Vigo ou a saída sur desta cidade. Fronte aos avances nas execucións, os únicos xestos reais do Goberno central con Galicia foron encamiñados a estudos con tempos de desenvolvemento moi superiores aos necesarios. Para a Xunta trátase polo tanto de medidas cosméticas sen impacto real para a cidadanía.

Lémbrase tamén a necesidade de demostrar un auténtico compromiso con Lugo a través do impulso doutras conexións que levan anos agardando. Entre elas están a conexión ferroviaria con Ourense, que achegaría a alta velocidade á cidade luguesa, o remate das obras da autovía Lugo-Santiago, comprometida para 2021 e que sigue acumulando retrasos, ou a reparación da autovía A6 ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro, onde continúa habilitado un único carril repercutindo na comunicación e competitividade da provincia.

Data de actualización: 26/08/2024