A Xunta abre o prazo para que os concellos soliciten o financiamento para a gratuidade das escolas infantís municipais

O Goberno galego inviste 7,7 millóns de euros para garantir un ano máis a gratuidade dunhas 7.300 prazas de 0 a 3 anos nas escolas de titularidade municipal

En total, máis de 32.000 familias poden aforrar máis de 3.000 euros ao ano de media grazas á gratuidade do 100% destes centros: públicos, privados ou de iniciativa social

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde para financiar a gratuidade nas escolas infantís públicas municipais. A Xunta inviste 7,7 millóns de euros para garantir un ano máis a aplicación desta medida en arredor de 7.300 prazas para nenos de 0 a 3 anos nuns 140 centros que dependen dos concellos. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto entre o 1 e o 30 de setembro.

En total, son 60 millóns de euros os que o Goberno galego destinará ao terceiro curso –2024/25– no que se aplicará esta medida pioneira: a gratuidade de todas as escolas infantís galegas, independentemente da súa titularidade (pública, privada ou de iniciativa social). Deste xeito, máis de 32.000 familias poden beneficiarse dun aforro medio anual de máis de 3.000 euros ao ano.

Anticipo das axudas

A Xunta mantén o abono de tres anticipos aos concellos para facilitarlles a aplicación desta medida. O primeiro deles será do 100% da cantidade correspondente ao período de setembro a decembro de 2024, para que dispoñan de liquidez ao inicio do curso. O segundo anticipo será do 45% do importe da achega e efectuarase a comezos de 2025 para o período de xaneiro a marzo. O terceiro, da mesma contía, para os meses de abril a xullo. O 10% restante aboarase ao remate do curso.

Data de actualización: 30/08/2024