O Consello aproba interpoñer un recurso de inconstitucionalidade contra a lei de amnistía
“Galicia actuará con toda a contundencia cando pensemos que hai normas que atentan contra os seus intereses, como é o caso”, indica Rueda
Salienta que a lei aprobada polo Goberno central contradí varios artigos da Carta Magna e ademais é arbitraria, choca contra o principio de igualdade e vulnera a separación de poderes
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2024
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello deu “luz verde” para que o Goberno autonómico “interpoña un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei orgánica 1/2024 de amnistía xa anunciado”, logo de contar co ditame favorable do Consello Consultivo de Galicia.
Neste sentido, destacou que a xuridisprudencia recoñece o dereito das comunidades autónomas a interpoñer recursos de inconstitucionalidade non só para a defensa de competencias propias senón para o restablecemento da orde xurídica constitucional. “Sempre dixemos que Galicia actuará con toda a contundencia cando pensemos que hai normas que atentan contra os seus intereses, como é o caso”, indicou.
O presidente salientou que, tras un amplo traballo de documentación, a Xunta recorrerá a Lei aprobada polo Goberno central ao considerar a Asesoría Xurídica que esta Lei orgánica “contradí artigos da Constitución como o 9.1”, que establece que todos os cidadáns e poderes públicos estarán sometidos á Carta Magna e ao resto do ordenamento xurídico.
Ademais, Rueda fixo fincapé en que, segundo a Asesoría Xurídica, se trata dunha lei que ten “consideración arbitraria”, que “quebra co principio de igualdade”, que vulnera o principio de separación de poderes ao “deixar sen efecto decisións firmes adoptadas polo poder xudicial” e que tamén “quebra o principio de seguridade xurídica” ao actuar nun eido tan amplo e indeterminado.