A directora xeral de Promoción da igualdade visitou hoxe aos participantes neste campamento en Palas de Rei
A Xunta renova a súa colaboración con Acougo para promover a corresponsabilidade entre os nenos e nenas en acollida e as súas familias
A Xunta de Galicia destina 184.000 euros do Plan Corresponsables para as actividades destinadas aos membros de familias acolledoras
Palas de Rei, 2 de setembro de 2024
A Xunta de Galicia renova, por segundo ano consecutivo, o convenio de colaboración coa Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo) para o desenvolvemento de actividades destinadas a nenas e nenos do sistema de protección e as súas familias de acollida e de orixe.
A directora xeral de Promoción da igualdade, María Quintiana, visitou hoxe unha das actividades deste programa, o campamento Agarimos, no concello lucense de Palas de Rei, onde de xuntou un grupo de nenas e nenos de entre 8 e 12 anos, nas instalacións xuvenís Os Chacotes, onde compartiron actividades durante unha semana completa, desde o 28 de agosto ata o 3 de setembro.
A Xunta destina ao o programa “Acollemento Corresponsable 2024” que desenvolve Acougo 134.000 euros a través dun convenio de colaboración e outros 50.000 euros da liña de axudas a entidades de iniciativa social.
Ademais do campamento de verán, o programa inclúe xornadas de sensibilización para as familias, clubes de lectura, contacontos, obradoiros e outras actividades que buscan fomentar e apoiar o acollemento familiar, promover a conciliación e formar en corresponsabilidade co obxectivo de adoptar patróns de relación máis igualitarios dentro da unidade familiar.