Aberta a convocatoria de axudas para participar en Bruxelas na nova edición presencial do curso ‘Teceuropa’

O obxectivo é á formación do persoal das entidades galegas interesadas en coñecer o financiamento comunitario

O prazo de solicitudes remata o 19 de setembro e as sesións terán lugar entre o 11 e o 14 de novembro

Bruxelas, 3 de setembro de 2024

A Fundación Galicia Europa (FGE) recupera na edición 21ª do curso de especialización en financiamento comunitario, TecEuropa, o formato presencial despois de cinco anos impartíndose en liña. As sesións terán lugar en Bruxelas entre o 11 e o 14 de novembro e 20 persoas poderán beneficiarse das axudas para sufragar a viaxe e estadía nesta cidade durante a formación, que é gratuíta.

A acción formativa está dirixida ao persoal de entidades públicas e privadas galegas e concederanse en réxime de concorrencia competitiva, cunha achega máxima de 700 € por participante.

O obxectivo é dar a coñecer de primeira man as institucións comunitarias e as políticas impulsadas pola UE, especialmente a política de cohesión, responsable de fondos como o FEDER ou o FSE.

O prazo para acollerse a esta iniciativa remata o 19 de setembro. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario que se pode atopar na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia o 19 de agosto e dispoñible na sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.

TecEuropa é o curso de referencia en financiamento comunitario en Galicia para entidades galegas, públicas e privadas, que buscan especializarse na materia. Está dirixido tanto ás persoas que se achegan por primeira vez á temática, como a aquelas que queren profundar en programas específicos.

Organizado pola Fundación Galicia Europa dende 2015, máis de 800 persoas participaron xa nas 20 edicións que se levan celebrado ata o momento.

Data de actualización: 03/09/2024