A Xunta convoca 29 cursos de formación continua para persoal da Policía Local con máis de 700 prazas
A través da Academia Galega de Seguridade Pública Impartiranse preto de 500 horas lectivas no marco da programación do segundo semestre
As inscricións deben formalizarse a través da web da Agasp ata o 15 de setembro
Hoxe fanse públicas tamén as listas de persoas admitidas e excluídas do proceso de provisión por mobilidade na escala básica dos corpos de Policía Local
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2024
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 29 cursos de formación continua destinados á Policía Local dos concellos galegos no marco da programación da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para o segundo semestre do ano. As accións formativas ofertan máis de 700 prazas e preto de 500 horas lectivas de carácter presencial, semipresencial e en liña.
Segundo a resolución publicada, poderá participar nos cursos tamén persoal das demais forzas e corpos de seguridade que traballan na comunidade -Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil-, para os que se reservan un 20% das prazas. As solicitudes de inscrición deben presentarse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal) e o prazo para facelo vai desde mañá ata as 14,00 horas do 15 de setembro.
Trátase de formación práctica orientada ao labor profesional que desenvolven de xeito cotiá os corpos e forzas de seguridade, con contidos como autoprotección táctica, entrada e rexistro de inmobles, investigación de delitos de odio, acompañamento a persoas en crise suicida, comunicación de malas novas a persoas afectadas por unha emerxencia, tecnificación en armas e tiro policial ou inspección de transportes ou locais, entre outros. Tamén se inclúen accións centradas no coñecemento normativo, como a actualización do código penal, o réxime xurídico da Policía Local de Galicia ou a medición do ruído.
A convocatoria destes cursos para membros das forzas e corpos de seguridade vén completar a programación formativa do segundo semestre do ano na Agasp, despois de que en agosto se convocasen as accións formativas dirixidas aos servizos de emerxencias prestados tanto por profesionais como por voluntariado de Protección Civil.
Deste xeito, a oferta formativa de setembro a finais de ano suma 53 actividades con case 1.300 prazas, á que se lle engade a oferta formativa da Policía Autonómica, Garda Civil e Policía Nacional, ademais de xornadas de interese xeral no eido dos dereitos fundamentais, intelixencia artificial e normativa de tráfico e seguridade viaria.
A Agasp é o centro de referencia na formación tanto das forzas e corpos de seguridade en Galicia como dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do traballo diario destes profesionais e voluntarios, co obxectivo de garantir a seguridade da poboación. Desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou arredor de 170.000 persoas.
Proceso de provisión por mobilidade
Por outra parte, o Diario Oficial de Galicia publica tamén a resolución pola que se fan públicas as relacións definitivas de persoas admitidas e excluídas do proceso de provisión por mobilidade nos corpos de Policía Local, destinado a policías xa en exercicio que cambian de concello mediante sistema de concurso, segundo o baremo de méritos publicado.
Trátase de 46 aspirantes que optan a 32 prazas de novo destino en 18 concellos. Destes, 10 están na provincia da Coruña, coa Coruña, A Laracha, Boiro, Carballo, Melide, Narón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Santiago de Compostela, e outros sete na de Pontevedra, coa Guarda, Bueu, Marín, Moaña, Redondela, Tui e Vigo. Completa a listaxe o concello de Lugo. As prazas que non se cubran por mobilidade pasarán á quenda libre.
A finais do ano 2017 a Xunta aprobou e publicou o decreto 115/2017 para regular a cooperación da Xunta cos concellos que, voluntariamente, decidan delegar na Administración autonómica a selección dos seus corpos de Policía Local. O obxectivo desta iniciativa é aforrar xestións, orzamento e tempo ás entidades locais, ao tempo que se dota ao proceso de maior transparencia e axilidade. A maiores, a confección de listas única facilita tamén a contratación.