O Festival Revenidas suma atractivos á contorna da ría de Arousa no final do verán co apoio da Xunta

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na presentación desta cita que reunirá en Vilaxoán a 39 bandas ou artistas en concertos de pequeno e gran formato

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 5 de setembro de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na presentación en Vilagarcía de Arousa da 21ª edición do Festival Revenidas, unha cita que se desenvolverá en Vilaxoán do 12 ao 15 de setembro co apoio da Xunta de Galicia e que espera superar as cifras de participación alcanzadas na última edición á que asistiron 26.000 persoas. Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou a singularidade deste festival que o levou a quedar finalista en dúas categorías do Iberian Festival Awards e que este ano repite fórmula cunha combinación de música, espectáculo circense e gastronomía, incrementando así “a proposta turística dun enclave situado en plena Ría de Arousa”.

Así, o director de Turismo de Galicia eloxiou a combinación de concertos dirixido a un público amplo con outros de menor formato que teñen lugar ao bordo do barco tradicional ‘Chasula’, no que un máximo de 12 persoas poden desfrutar da música de Fillas de Cassandra, Sés, Lontreira, Catuxa Salom, Monoulious Dop o sábado 14 e o domingo 15 durante unha travesía pola Ría de Arousa. A isto hai que engadir a proposta de circo solidaria da que se poderá gozar o domingo 15 con artistas coma Cris Collazo, Mago Noel, Peter Punk, Brais das Hortas, Jack Jhonson e Jhon Jackson, Sue Moreno e N+1. Este espectáculo de balde igual que o resto de actividades programadas para ese día, entre as que se inclúe unha sardiñada popular.

“Desde Turismo de impulsamos todos aqueles eventos que suman atractivos ao destino galego que vive na actualidade un importante e rendible momento”, expresou. Neste punto, lembrou que no pasado mes de xullo, Galicia foi o primeiro destino turístico do norte peninsular e o sétimo de España e os niveis de rendibilidade hoteleira medran.

Para o director de Turismo de Galicia, as múltiples citas musicais e de espectáculos que se suceden cada verán ao longo da xeografía galega xunto cos altos índices de asistencia e participación “fan que Galicia sexa un destino vinculado con este tipo de oferta na que os asistentes buscan gozar en directo de música en perfecta sinerxía coa contorna natural, mariña, rural ou urbana no que se desenvolven”, indicou. “Por suposto, esta realidade será un dos eixes da Estratexia de Turismo 2024-2030, que estamos a ultimar e que será a nosa folla de ruta para os vindeiros anos”, engadiu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2024