75 persoas con discapacidade desfrutaron do campamento de verán da Xunta no Carballiño
A directora xeral de Persoas con Discapacidade visitou este campamento e posteriormente reuniuse con Aspadisi, que comezou a recibir os primeiros usuarios da súa nova residencia
O Carballiño (Ourense), 6 de setembro de 2024
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou hoxe aos participantes no campamento específico para persoas con discapacidade que organiza a Xunta na Residencia de Tempo Libre do Carballiño e no que participaron 75 persoas con discapacidade este verán. En total son 250 as persoas con discapacidade que puideron gozar destes campamentos específicos da Xunta en Panxón, Gandarío e O Carballiño.
Posteriormente, a directora xeral reuniuse coa Asociación de familiares de persoas con discapacidade psíquica da comarca do Carballiño (Aspadisi), á que a Xunta destinou 655.000 euros para a construción da súa nova residencia inaugurada este ano e que xa comezou a recibir os seus primeiros usuarios, e agora tamén colaborará no financiamento de 15 prazas públicas.