O presidente do Goberno galego recibe a insignia de ouro de mans da Asociación de Amigos e Amigas do Camiño Portugués a Santiago
Rueda destaca o atractivo do Camiño Portugués e a súa variante pola Costa, os cales alcanzan as 125.100 Compostelas recollidas no que vai de ano
Salienta que a ruta xacobea é “un dos mellores escaparates turísticos de Galicia cara ao mundo” e que é posible seguir medrando “con sentidiño”
Resalta os máis de 370.000 peregrinos que cada ano camiñan cara Santiago polas diferentes rutas e o incremento dos estranxeiros que xa representan o 60 %
A Xunta xa traballa na organización do Xacobeo 2027 con 141 M€ para mellorar a rede de albergues, restaurar bens culturais e promover a dixitalización do sector
Pontevedra, 9 de setembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe o atractivo do Camiño Portugués e a súa variante pola Costa, os cales alcanzan as 125.100 Compostelas recollidas no que vai de ano. O Portugués é a segunda ruta xacobea con maior número de peregrinos, que rexistrou 71.700 Compostelas, ás que se suman as máis de 53.400 recollidas polas persoas que elixen o da Costa.
Tras recibir a insignia de ouro da Asociación de Amigos e Amigas do Camiño Portugués a Santiago, Rueda agradeceu este recoñecemento e o labor da entidade así como do único albergue da cidade -que este ano conmemora o seu 25 aniversario- pola hospitalidade e trato aos peregrinos así como por contribuír a difundir a marca Galicia a través do Camiño, “un dos mellores escaparates turísticos da comunidade cara o mundo”.
O presidente resaltou a aposta da Xunta por un turismo que medre “con sentidiño” e lembrou os bos datos do Camiño con máis de 370.000 peregrinos no que vai de ano, o incremento dos visitantes estranxeiros -xa son o 60 % do total- e a desestacionalización xa que cada vez hai máis camiñantes cara Compostela fóra dos meses de temporada alta.
Nesta liña, asegurou que o Goberno autonómico xa traballa na preparación do vindeiro ano Xacobeo que se celebrará no 2027. Está en marcha o Plan Director Camiño de Santiago 2022-2027, dotado de 141 millóns de euros para mellorar a rede de albergues públicos, restaurar Bens de Interese Culturais presentes nas rutas e fomentar a dixitalización do sector turístico.
Ademais, a Xunta vai solicitar ao Goberno central que inclúa na vindeira Lei de Orzamentos Xerais beneficios fiscais e desgravacións para as compañías que colaboren na organización do Ano Santo.